Novas

Sábado, 1 de xuño de 2013

O Grupo Municipal Popular considera que se está incumprindo o acordo plenario en canto ao comezo do servizo, transcorridos seis meses desde a data comprometida polo alcalde

O PP pedirá no Pleno "a inmediata" posta en funcionamento do servizo de abastecemento de auga potable á parroquia de Fiolleda

Julia Rodríguez recorda que xa transcorreron dous anos e medio desde que o Concello recibiu as obras

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden que se proceda á inmediata posta en funcionamento do servizo de abastecemento de auga potable á parroquia de Fiolleda. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que se está incumprindo un acordo plenario en canto ao comezo do servizo, transcorridos seis meses desde a data comprometida polo alcalde.

O PP precisa que nos atopamos na antesala do verán, data na que os veciños padecen de forma máis acusada a ausencia de suministro de auga potable, e segue sen poñerse en funcionamento o servizo, logo de transcorrer dous anos e medio desde que o Concello recibiu as obras. "Son moitos os veciños interesados en dispoñer de auga potable e trátase dun servizo básico para a vida cotiá en condicións óptimas", esgrime a popular.

Dous anos e medio desde que se recibiron as obras

Os populares recollen no seu moción a adxudicación o 9 de maio de 2007 das obras de abastecemento de auga á parroquia de Fiolleda á empresa Sangiao S.A. cun orzamento de 241.000 euros, sendo cofinanciada ao 75% con fondos FEDER. O PP explica ademais que as obras se atopan finalizadas e foron recibidas pola Xunta en decembro de 2010 e polo Concello con data de 7 de xaneiro de 2011.

O Grupo Municipal do PP formulou en novembro de 2011 unha pregunta sobre os motivos existentes para que despois do tempo transcorrido desde a recepción da obra os veciños non dispuxesen de auga potable. Desde o Concello responderon que tiña que ver con certas irregularidades da obra, malia ser recibida polo Concello, sen chegar a precisar a data de posta en funcionamento do servizo.

Novamente o PP presentou en xaneiro de 2012 unha moción solicitando a inmediata posta en funcionamento do servizo e en setembro do mesmo ano volveuse a preguntar sobre o atraso no abastecemento de auga á parroquia de Fiolleda. O Concello indicou que non se ía a resolver ata decembro dese mesmo ano, "pero seis meses despois segue sen resolverse", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais