Novas

Sábado, 26 de outubro de 2013

O Grupo Municipal Popular mantivo un encontro coa directiva do CCU na que coñeceron a total falta de colaboración do alcalde co alumeado e ornamento que prevén colocar en toda a cidade durante as festas

O PP lamenta a falta de apoio do Concello co Centro Comercial Urbano de cara ao aumento da actividade económica en época de Nadal

Julia Rodríguez critica a contía que o Goberno local destina á promoción dos mercados temáticos "mentres lle dá as costas a un importante colectivo de empresarios"

O Grupo Municipal do PP de Monforte mantivo unha reunión coa directiva do Centro Comercial Urbano (CCU) na que coñeceron a negativa do Concello a colaborar co alumeado e a ornamentación que a asociación propón para a campaña de Nadal. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, lamenta "a total falta de apoio" do Concello co CCU ao considerar que as súas propostas representan un maior estímulo para que os cidadáns se animen a pasear pola cidade ou se acheguen os veciños da comarca.

"O traballo que o pasado ano levou a cabo a asociación en época de Nadal converteuse nun reclamo, non só para a xente de Monforte, senón de toda a comarca, polo que axudará a aumentar as vendas no comercio da cidade", replica a portavoz.

Julia Rodríguez critica con dureza, por comparación, a contía que o Goberno local destina á promoción dos mercados temáticos, 60.000 euros en 2013, "mentres lle dá as costas a un importante colectivo de empresarios" como o que integra o Centro Comercial Urbano. O CUU non recibiu ningunha axuda do Concello no ano 2013.

Os populares son conscientes do momento que atravesan os comerciantes e empresarios da cidade, polo que chama especialmente a atención que non exista "o mínimo apoio a esta asociación", mentres se potencian outras actividades comerciais ao longo de todo o ano, como os xa citados mercados temáticos que se desenvolven na praza de abastos.

Novas

Redes Sociais