Novas

Luns, 28 de outubro de 2013

O Grupo Municipal Popular esíxelle ao rexedor "que non trate de desviar a atención" mirando cara á Xunta, posto que destinou 7.000 euros á feira de mostras desta ano, 4.000 máis que o Concello

O PP invita ao alcalde a explicar "a falta de colaboración" co Centro Comercial Urbano na súa campaña de Nadal

Julia Rodríguez sostén que as actividades organizadas polos comerciantes redundarán no impulso económico da cidade durante as festas

O Grupo Municipal do PP de Monforte invita ao alcalde da cidade a explicar a que se debe "a falta de colaboración" co Centro Comercial Urbano na súa campaña de Nadal. Os populares rexeitan que o rexedor trate de desviar a atención mirando cara á Xunta en relación coa organización da feira de mostras deste ano, que recibiu 7.000 euros da Secretaría Xeral de Comercio, 4.000 máis que os que achegou o Concello.

"Se trata de establecer comparacións coa feira de mostras verá que tamén sae perxudicado, pero o que nós lle preguntamos é polo motivo polo que se negan a apoiar as accións que o CCU programa para as festas", explica a portavoz do PP, Julia Rodríguez. Os populares sosteñen que as actividades organizadas polos comerciantes redundarán no impulso económico da cidade durante as festas, polo que non entenden a decisión do Concello de non colaborar.

"En tanto en canto o CCU nos deu traslado de que non teñen recursos suficientes para facerse cargo das luces e a ornamentación na súa totalidade, unha fórmula é que o Concello colabore nalgunha medida", precisa a portavoz, quen asegura ademais que é importante solucionar esta falta de colaboración "con urxencia" debido á proximidade das festas.

Os populares recordan tamén que a asociación non recibiu ningunha subvención do Goberno local polas súas actividades durante o ano 2013, con excepción da axuda para a feira. Pola súa banda, engaden, a Xunta destinou 5.000 euros polos postos de artesanía, seguro de pezas e transporte, así como 2.000 euros máis para os organizadores.

Promoción dos mercados temáticos

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, invita ao equipo de Goberno a explicarlle aos cidadáns por que destina 60.000 euros á promoción dos mercados temáticos da Praza de Abastos en 2013, mentres nega a súa axuda ao colectivo de Monforte, que trata coas súas accións de incrementar o comercio da cidade e atraer xente aos seus establecementos. Os populares insisten ademais en que a cifra necesaria para as luces e ornamentación das festas que tería que asumir o Goberno local "é moi inferior á que se destina á publicidade dos mercados".

Novas

Redes Sociais