Novas

Martes, 29 de outubro de 2013

Os populares critican a negativa de nacionalistas e socialistas a volver á anterior contía, cuxo custo sufriu un incremento en 2013 do 300%, ao pasar de 3,29 a dez euros por oco

BNG e PSOE rexeitan a rebaixa da taxa do cemiterio proposta polo PP

Julia Rodríguez sostén que o señor Tomé xa non poderá escudarse no plan de axuste para explicarlle aos cidadáns por que apoia unha imposición "desproporcionada"

O BNG e o PSOE rexeitaron no pleno de onte luns a moción do PP na que os populares pedían que en 2014 a taxa do cemiterio volvese ser a mesma que antes do incremento do 300% que provocou que cada oco pase de custar 3,29 euros a dez. A proposta recollía ademais a anulación do 5% nas concesións, alugueres, licenzas e transmisións, aprobada dentro da ordenanza fiscal reguladora pola prestación de servizos no cemiterio, condución de cadáveres e outros servizos fúnebres no mes de xuño de 2012.

A subida trae consigo un incremento nos ingresos das arcas municipais de 42.543,58 euros, polo que a portavoz do PP invitou ao alcalde a destinar parte do diñeiro recadado polo IBI, máis de 200.000 euros, a cubrir os custos do servizo "sen optar no seu lugar por gravar a presión fiscal aos monfortinos". "É un mecanismo ao que pode recorrer para compensar e que non todo o mundo teña que asumir uns custos tan elevados polo servizo", explicou Rodríguez.

A portavoz do PP sostén ademais que o portavoz do PSOE xa non poderá escudarse no plan de axuste, de xeito interesado, para explicarlle aos cidadáns por que apoia unha imposición "desproporcionada". "Onte tivo a oportunidade de rebaixar a taxa e abstívose na votación". A proposta finalmente foi rexeitada co voto de calidade do alcalde ao faltar unha concelleira nacionalista.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, recorda que xa no seu día o PP advertiu do malestar que este gravame suporía aos cidadáns, posto que o incremento "non foi progresivo e obriga aos veciños a realizar un desembolso moi superior en só un ano".

Ordenanzas

En relación coa modificación das ordenanzas proposta polo Goberno local, os populares abstivéronse na votación pola súa desconformidade nos cambios realizados en relación coas bonificacións do IBI para familias numerosas e as plusvalías, ao entender que se limita o número de beneficiarios e que debían de manterse tal e como estaban.

Arranxo das beirarrúas na Rúa Corredoira

O Grupo Municipal do PP rexeita o deixamento do alcalde en relación co arranxo das beirarrúas da Rúa Corredoira propostas os populares debido ao seu mal estado. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, insiste na necesidade de tomar medidas "para evitar danos aos viandantes" como os que xa se produciron.

Os populares rexeitan a actitude contemplativa do alcalde que, aínda sendo consciente da situación e do perigo que entraña, preferiu non actuar. "Elude a súa responsabilidade ao non adoptar medidas para sinalizar, valar e habilitar unha zona de paso que evite riscos", conclúen.

Novas

Redes Sociais