Novas

Martes, 29 de outubro de 2013

A actuación foi dada a coñecer hoxe polo delegado do Goberno en Galicia e supón a intervención en 5.795 metros de canles fluviais

O Grupo Municipal do PP subliña os 40.000 de investimento que a CHMS destina para a restauración hidrolóxica-forestal dos ríos de Monforte

Julia Rodríguez pon en valor o compromiso do MAGRAMA coa cidade do Cabe e afirma que se cumpre coas demandas de veciños e asociacións

O Grupo Municipal do PP subliña os 40.000 euros de investimento que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil destina para a restauración hidrolóxica-forestal dos ríos de Monforte, tal e como deu a coñecer hoxe o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, nunha rolda de prensa en Lugo. En concreto, no caso de Monforte as actuacións levaranse a cabo no Río Cabe, o arroio innominado, Río Seco, Zapardiel, regacho das Malloadas e Río Carballo.

A portavoz do PP en Monforte, Julia Rodríguez, destaca que o seu partido "cumpre co compromiso adquirido no seu día con numerosos colectivos e veciños dando traslado das súas peticións á CHMS". "Nós fomos os que solicitamos as actuacións necesarias nos regachos da cidade, ante a negativa do alcalde de abordar ningunha actuación e a pesar das reiteradas demandas dos afectados que vían como a vexetación e as alimañas se introducían nas súas vivendas na zona urbana ou do risco de inundación existente en moitos casos", engade.

Os populares recordan que en varias ocasións denunciaron o deixamento do Goberno local, a pesar do escaso esforzo económico que podería representar para as arcas municipais como reflexa o feito de que algún arroio como o Río Seco fose limpado polos veciños directamente cos seus propios medios.

Rodríguez afirma que nos atopamos ante unha administración do Partido Popular que en época de crise "non desatende as necesidades dos cidadáns, tampouco no que atinxe á limpeza dos ríos, o que contrasta coa negativa do Goberno local de asumir a máis mínima actuación neste sentido, a pesar da situación de insalubridade e risco de inundación soportada por moitos veciños".

O proxecto

O investimento total da CHMS en varios tramos fluviais da provincia de Lugo ascende a máis de 650.000 euros, dos que 40.000 serán investidos en Monforte. As actuacións proxectadas pretenden compatibilizar a garantía de desaugadoiro das canles fluviais fronte a avenidas ordinarias, en episodios de intensas choivas, co mantemento dos valores ambientais existentes nos tramos a actuar, tal e como se explicou desde o MAGRAMA.

Desde a CHMS tamén indican que as actuacións consistirán, fundamentalmente, en rozas selectivas con eliminación de vexetación alóctona e regularización morfolóxica da canle e coa retirada de elementos obstrutivos, o que permitirá o aumento da resilicencia do río fronte a perturbacións naturais e antrópicas e á mellora da conectividade transversal e lonxitudinal das masas de auga.

A actuación programada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) para Monforte inclúe 5.795 metros de canles que serán restaurados e acondicionados. A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, pon en valor o compromiso do MAGRAMA coa cidade do Cabe logo de coñecer esta serie de actuacións que "non só permitirán que as canles dos ríos presenten un novo aspecto, senón tamén que se mellore a capacidade hidráulica dos tramos fluviais da demarcación hidrográfica do Miño-Sil".

Actuacións en metros

Río Cabe 330

Río Carballo 1.650

Arroio Innominado 500

Regacho dás Malloadas 590

Río Seco 1.225

Río Zapardiel 1.500

Novas

Redes Sociais