Novas

Xoves, 7 de novembro de 2013

O documento ao que tivo acceso o Grupo Municipal Popular conclúe que a concesionaria xa incorrera en infraccións leves e graves fai 9 anos, podendo dar lugar á resolución do contrato

O PP pídelle ao Concello que aclare se chegou a acordos ou houbo sancións a Aqualia tras descubrir que no informe de 2004 xa se advertía do incumprimento do contrato

Julia Rodríguez solicita ademais copia da factura abonada polo Goberno local aos autores do informe, un despacho da Coruña

O Grupo Municipal do PP cursou unha petición ao secretario municipal na que solicitan que informe sobre as actuacións levadas a cabo polo Concello en relación aos incumprimentos contractuais da concesionaria Aqualia. Os populares esixen coñecer se se alcanzou algún acordo coa empresa e en que termos, así como se se lle impuxeron sancións ou se incoou expediente de resolución.

O Grupo Municipal Popular toma esta medida tras coñecer o contido dun informe con data de 6 de marzo do ano 2004 elaborado polo gabinete de Avogados da Coruña de Francisco Antas e Carlos Hernández no que se conclúe que a concesionaria incorrería xa nesa data nunha serie de incumprimentos constitutivos de infraccións leves e graves, segundo os casos. O informe foi emitido, como así expuxo o alcalde no Pleno do mes de setembro, a petición do Concello para coñecer o grao de cumprimento do contrato de xestión do servizo público de abastecemento de auga e saneamento.

O documento sinala ademais que algunhas das infraccións detectadas, como o feito de non realizar no primeiro ano actuacións sen cargo comprometidas na oferta de servizos, a non presentación do plan director ou a inexistencia de investimentos programados para o período 2001-2003, podían considerarse incumprimento de obrigacións esenciais do contrato e, polo tanto, ser susceptibles de dar lugar á súa resolución.

Proposta do informe

Ante esta situación, no informe expúñase como procedemento a seguir dar audiencia á empresa e, no suposto de non optar pola resolución do contrato, que se efectuasen requirimentos e se impuxesen sancións con imputación á fianza presentada no seu día. Os populares citan na súa petición ao Concello a existencia, como revela a hemeroteca da época, de contactos e acordos entre o alcalde e a empresa en canto aos investimentos a realizar e as obrigacións comprometidas.

"Unhas conversacións das que pouco souberon os monfortinos e que non se viron reflectidas en investimento algunha como mostra o feito de que a rede de abastecemento e saneamento atópense nun estado lamentable", precisa a portavoz do PP, Julia Rodríguez. A popular considera que, unha vez o informe do ano 2004 viu a luz, "é o momento de que o alcalde explique as medidas que se tomaron naquel momento e das que nada soubemos ao longo destes anos".

No seu escrito o PP pide ademais copia da factura abonada polo Concello para satisfacer o pago do informe do ano 2004 elaborado polo despacho de avogados coruñés anteriormente citado.

Novas

Redes Sociais