Novas

Sábado, 9 de novembro de 2013

Alcaldes e portavoces do PP de Lugo e Ourense escenificaron o seu apoio á proposición non de lei que a próxima semana aprobará o Parlamento de Galicia

Julia Rodríguez defende unha candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco "xusta e responsable" de toda a sociedade galega

O Grupo Popular no Parlamento considera que se trata dunha "demanda de país" que debe conseguir o respaldo unánime de todos os grupos da Cámara

As deputadas autonómicas do PP Julia Rodríguez (Lugo) e Cristina Romeu (Ourense) defenderon este sábado en Monforte unha candidatura da Ribeira Sacra para converterse en Patrimonio da Humanidade "xusta e responsable" de toda a sociedade galega. Así o destacou a portavoz do PP na provincia de Lugo, Julia Rodríguez, quen asegurou que o acto público celebrado na cidade do Cabe con alcaldes e portavoces da Ribeira Sacra demostra o apoio á proposición non de lei que aprobará o Parlamento de Galicia a semana próxima.

Julia Rodríguez sinalou a importancia de poñer en valor a Ribeira Sacra por parte de todos os alcaldes e portavoces, así como mostrar o espaldarazo á iniciativa parlamentaria que, esperan, conte co respaldo unánime da totalidade da Cámara galega por tratarse "dunha demanda de país". As dúas deputadas agradeceron ademais o traballo técnico que está desenvolvendo o Valedor do Pobo a través dun equipo multidisciplinar que servirá para avanzar no obxectivo final de que a Ribeira Sacra alcance o recoñecemento como Ben Mundial.

Unha proposta prioritaria

Todos os alcaldes e portavoces manifestaron o seu interese e intención de poñerse a disposición do territorio e contar ademais co respaldo social para que o Comité do Patrimonio Mundial considere a fortaleza do proxecto. Os populares trasladaron ademais a súa confianza en que a Xunta, que xa mostrou o seu respaldo á candidatura, fixe a proposta como prioritaria e aposte por ela para que consiga contar tamén co apoio do Goberno do Estado.

A portavoz do PP da provincia de Lugo e deputada autonómica Julia Rodríguez valorou a candidatura como "un proxecto de país ao que Galicia aspira no seu conxunto, capaz de superar todas as fronteiras e unha fronte clara de oportunidades de promoción a nivel internacional". "Ten que ser unha candidatura que debe axudar a blindar todos os nosos tesouros para as xeracións futuras", concluíu.

Contido da PNL

O Grupo Popular presentou unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a prestar todo o seu apoio e asesoramento técnico aos promotores da candidatura para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, así como para a posterior presentación da mesma ante os organismos e entidades competentes para que procedan á súa análise e, no seu caso, á súa aprobación e declaración.

Na exposición de motivos da iniciativa, o Grupo Popular recorda que a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade "non é unha iniciativa nova, xa que, como consecuencia dos traballos efectuados nos anos 90 pola Xunta de Galicia, baixo a presidencia de Manuel Fraga, esta proposta xa figura no listado indicativo como documento previo desde 1996, circunstancia que non é menor dado que un país non pode nomear un sitio que non estea na lista provisional".

Novas

Redes Sociais