Novas

Luns, 11 de novembro de 2013

O Grupo Municipal Popular ampárase nun informe de intervención no que se recolle que o Concello non conta cos recursos suficientes para facer fronte á anualidade de 2014, que ascende a 521.518 euros

O PP denuncia a incapacidade do Goberno local para asumir as anualidades correspondentes para a posta en marcha da potabilizadora

O documento explica que é tarde para formalizar unha operación financeira por parte do Concello, polo que ACUES repercutirá á administración local a través das tarifas anuais ás que se sumarán as cotas de amortización e intereses derivados do pago dese endebedamento

Julia Rodríguez iniciou contactos coa administración galega e a central para que "a falta de previsión do alcalde" non remate afectando aos monfortinos

O Grupo Municipal do PP de Monforte absterase no Pleno extraordinario desta tarde no que se vota unha addenda ao convenio da potabilizadora asinado en maio de 2010. O PP toma esta decisión logo de coñecer un informe de intervención no que se pon de manifesto a incapacidade do Goberno local para asumir as anualidades correspondentes á obra. O PP denuncia o modo no que o alcalde xestionou os pagos que lle correspondían ao Concello e que agora quere modificar para desembolsar 90.909 euros en 2013 e 521.518 o ano próximo.

"Desde que se asinou o convenio o Concello non puxo nin un euro para esta actuación e agora quere deixar a maior parte das súas obrigacións para 2014, cando intervención advírtelle de que non ten recursos suficientes para facer fronte a esa anualidade", esgrime a portavoz do PP, Julia Rodríguez.

Concretamente, o informe de intervención, con data de novembro de 2013, di que "o Concello non conta con recursos suficientes para facer fronte á anualidade de 2014 que ascende a 521.518 euros máis IVA con fondos propios, polo que a única posibilidade será a de acudir a unha operación financeira (crédito convertible a 25-45 anos) a formalizar pola propia Sociedade Estatal AQUANORTE sempre que sexa autorizada polo Ministerio de Medio Ambiente debendo aportar o Concello de Monforte as oportunas garantías".

O documento engade que: tendo en conta a execución das obras cuxa finalización se prevé para febreiro de 2014 non nos atopamos en prazo para formalizar a operación financeira prevista no convenio, operación que despois ACUES repercutiralle ao Concello de Monforte a través das tarifas anuais, de forma que ademais das compoñentes fixas ás tarifas ás que o Concello tería que facer fronte, sumaránselle as compoñentes financeiras, é dicir, as cotas de amortización e intereses correspondentes ao pago da operación financeira.

Ademais, ao incremento de gastos ao que tería que facer fronte o Goberno local sumaríase, tal e como indica o informe de intervención, a un novo custo de explotación da obra derivada da posta en funcionamento e do mantemento da nova infraestrutura, que recae no Concello.

Desde o servizo de intervención cuestionase a capacidade do Concello para asumir as cantidades correspondentes, ao verse limitado polo marco do plan de axuste, polo que os populares piden ao alcalde que explique como pensa facer fronte aos seus compromisos e aclare se se "trata dunha nova hipoteca que deixará en herdanza aos próximos gobernos e a todos os monfortinos".

Julia Rodríguez pon o acento no feito de que se apracen 521.518 euros para o ano 2014 cando se lle di que non vai ter ese diñeiro e que terá que ser AQUES quen teña que financiar cargándoo nas tarifas, "un feito que rematará repercutindo no peto de todos os cidadáns".

Para rematar, a portavoz do PP destaca a contradición permanente na que vive o alcalde de Monforte, quen "mentres critica a subida do canon de Sogama, propón un acordo ao Pleno que evidencia a súa nula xestión á fronte do Goberno local aprazando un compromiso que coñece e asumiu no ano 2010 e ao que a día de hoxe non deu resposta".

Posibles solucións

Tras coñecer o contido do informe, a portavoz do PP de Monforte xa iniciou contactos coas administracións central e galega para evitar que "a falta de previsión do alcalde" repercuta nunha subida das tarifas á que teñan que facer fronte todos os monfortinos. Julia Rodríguez pretende articular algunha solución "que non supoña un novo gravame para os contribuíntes", polo que xa se atopa realizando as xestións oportunas para alcanzala.

Novas

Redes Sociais