Novas

Xoves, 14 de novembro de 2013

O Grupo Municipal do PP asegura que o rendemento da infraestrutura será do 30% por todo a auga que se perde

O PP asegura que se o alcalde non inviste na renovación da rede de auga condenará aos monfortinos a asumir uns custos elevadísimos de explotación da potabilizadora

Os populares invitan ao rexedor a planificar actuacións que consigan poñer fin aos problemas que sofre a cidade co subministro de xeito continuado

O Grupo Municipal do PP de Monforte esíxelle ao alcalde que planifique os investimentos a acometer na renovación da rede de auga para evitar que sexan os monfortinos os que teñan que asumir uns custos elevadísimos de explotación da potabilizadora. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que as novas instalacións terán un rendemento do 30% polo mal estado da rede e a gran cantidade de auga que se perde.

Os populares aseguran que a rede se atopa chea de buracos, "sendo a súa imaxe a dun queixo gruyere", polo que invitan ao rexedor a destinar parte dos seus esforzos á planificación de actuacións que consigan poñer fin aos problemas que sofre a cidade co subministro de xeito continuado. "Chámanos a atención que o rexedor se felicite do pouco que terá que pagar pola potabilizadora cando vai necesitar os recursos suficientes para arranxar o estado da rede", explica a popular.

Gastos da potabilizadora

A portavoz do PP critica tamén que o alcalde rexeite os argumentos da oposición para absterse no Pleno do pasado luns en relación coas anualidades da obra da potabilizadora, cando sabe "que existe un informe de intervención que asegura que non dispón de fondos para facer fronte á suma que a día de hoxe lle corresponde asumir".

"Se a contía que finalmente aporta o Concello é inferior á fixada en 2010 será grazas á xestión do Goberno central e a Xunta e non mérito dun alcalde que non só non asume as súas obrigacións, senón que mantén a rede nun estado tan lamentable que non permite que o novo investimento sexa produtivo na súa totalidade".

Os populares esixen ao Goberno local que interveña na rede de xeito inmediato, previa planificación, así como na impermeabilización do depósito situado enriba da potabilizadora polo que se coan centos de litros de auga. "De pouco serve acometer unha actuación tan custosa na potabilizadora senón vai acompañada de medidas na rede de subministro que rematen coas grandes perdas que ten na actualidade. E esa actuación correspóndelle ao Concello", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais