Novas

Viernes, 15 de noviembre de 2013

O presidente do PP de Lugo, o secretario xeral e a portavoz Popular en Monforte visitaron esta tarde as instalacións da asociación, acompañados polo seu xerente, Xullo Cortiñas

José Manuel Barreiro e Julia Rodríguez comprométense a que Prodeme xestione a finca de Tor cando o PP recupere a Deputación de Lugo

O presidente do PP de Lugo criticou que "tan só un Concello gobernado polos populares" se poida beneficiar do plan de emprego da institución provincial

O presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, o secretario xeral, José Manuel Balseiro, e a portavoz do Grupo Municipal Julia Rodríguez, visitaron esta tarde as instalacións de Prodeme en Monforte onde se comprometeron co seu xerente, Xullo Cortiñas, a que a asociación xestionará a finca de Tor cando o PP recupere a Deputación de Lugo. "Traballaremos na procura de fórmulas que favorezan ao conxunto do tecido produtivo galego, especialmente as iniciativas cunha vinculación social tan grande", destacou Barreiro.

A asociación, que desde fai anos loita pola integración das persoas con discapacidade intelectual, veu solicitando desde ao ano 2008 a posibilidade de acondicionar algunha zona da finca de Tor para viveiro de plantas autóctonas e outra para pastorear con gando ovino de leite cuxa produción láctea se utilizaría posteriormente na elaboración de queixos ecolóxicos e artesanais de ovella.

José Manuel Barreiro recordou que a Deputación optou porque unha empresa privada fose a encargada de acondicionar a parcela que rodea o pazo por un importe de licitación de 42.834 euros durante un ano cando Prodeme se ofrecía a acondicionar e coidar o terreo de xeito desinteresado a cambio de poder aproveitar parte dos recursos dos que dispón a leira.

Os representantes do PP agradeceron o empeño da asociación "máxime en tempos de especial dificultade", así como o seu traballo para crear valor asociado ao territorio e por ser capaces de buscar sinerxías "que permitan conseguir ese obxectivo común de labor asistencial".

Só unha alcaldía do PP pode beneficiar do plan de emprego de Besteiro

Na súa intervención ante os medios de comunicación, o presidente do PP de Lugo criticou os criterios que rexen as actuacións da Deputación provincial, entre os que mencionou o plan de emprego que acaban de publicar no BOP e do que só se pode beneficiar un Concello dos 44 nos que goberna o PP. "O líder do PSOE presume de determinadas formas de actuar cando logo os feitos son diferentes", esgrimiu.

Barreiro afirmou que a Deputación provincial "ponlle nome e apelidos ás cousas e este plan parece que ten que levar o nome do PSOE e o apelido do BNG". O popular defendeu unha xestión dos recursos públicos na que prime o interese do conxunto da sociedade "e non o particular do señor Besteiro de face á súa campaña de promoción como líder do PSOE".

Desde o PP pídenlle ao presidente da Deputación provincial que actúe con rigor e transparencia "posto que se trata de recursos públicos" e tras comprobar en numerosas ocasións as dificultades que existen "para saber de onde vén o diñeiro e onde vai".

Novas

Redes Sociais