Novas

Martes, 19 de novembro de 2013

O Grupo Municipal do PP presentou unha moción na que instan á institución a que cumpra a normativa vixente en materia de servizos sociais

O PP acusa á Deputación provincial de achegar só 17 euros dos 100 que están obrigados a pagar para financiar o servizo de axuda no fogar básico

Os populares piden a reprobación do comportamento "e a falta de sensibilidade" do bipartito provincial coas persoas maiores e dependentes da provincia e a súa negativa a asumir as obrigacións de cooperación e colaboración que lle corresponden por Lei

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden o apoio dos grupos para instar á Deputación provincial de Lugo a que cumpra a normativa vixente en materia de servizos sociais coa achega dos recursos necesarios para o financiamento dos gastos íntegros do servizo de axuda no fogar básico, así como para a contratación do persoal distinto aos traballadores sociais. O PP critica que a institución provincial só aporta unha media de 17 euros de cada 100 euros que estarían obrigados a pagar.

O Grupo Municipal Popular demanda ademais que se reprobe o comportamento e a "falta de sensibilidade" do Goberno bipartito provincial coas persoas maiores e dependentes da nosa provincia, así como a negativa da Deputación de asumir as obrigacións de cooperación e colaboración que lle corresponden por Lei. Piden ademais, darlle traslado do acordo ao presidente e ao vicepresidente do organismo e a todos os grupos políticos con representación na Corporación provincial.

A única Deputación que incumpre

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que a Deputación de Lugo "é a única das catro administracións provinciais de Galicia que incumpre a normativa vixente en materia social e de benestar e, moi en concreto, en relación co financiamento obrigado dos servizos municipais de axuda no fogar".

Rodríguez sostén que este incumprimento trae consigo importantes consecuencias negativas para os concellos lucenses ao verse obrigados a asumir con recursos propios, ou a través do aumento das cotas que abonan os seus usuarios, o financiamento dun servizo que a Deputación lucense está obrigada a asumir por mandato legal.

A Lei de Servizos Sociais aprobada polo Goberno bipartito no 2008 pretendía crear un novo escenario na regularización dos servizos sociais e alcanzar un gran pacto a favor dos máis desfavorecidos coa imposición dunhas obrigacións económicas para todas as administracións: Xunta, Deputaciones e concellos. Esta regularización desenvolveuse no decreto de servizos sociais 99/2012 de 16 de marzo e establece que para os concellos de menos de 20.000 habitantes as deputacións provinciais financiarán de xeito maioritario o servizo de axuda no fogar básico, aquel que afecta á atención de maiores e dependentes, así como a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.

Os populares sinalan que, pese a tratarse dunha lei aprobada polas mesmas forzas políticas que teñen responsabilidade de goberno da Deputación de Lugo, e a ser un mandato imperativo nun Estado de Dereito, non se cumpre. "Tanto Besteiro como Antón Veiga faltan á verdade e utilizan politicamente ás persoas que máis necesitan o apoio das administracións: os nosos maiores e dependentes", esgrime a portavoz.

Julia Rodríguez considera que "a súa decisión de insubmisión política e económica? non garante o cumprimento da Lei reguladora de Servizos Sociais nin das competencias de cooperación cos municipios. Para os concellos lucenses, e moi en particular para o noso, a Deputación de Lugo non existe en materia de benestar", conclúe.

Novas

Redes Sociais