Novas

Mércores, 20 de novembro de 2013

O Grupo Municipal Popular presentou unha moción ao Pleno na que esixe que as medidas dirixidas a reducir o consumo eléctrico se adopten con arranxo a criterios de eficiencia enerxética, igualdade e racionalidade

O PP demanda unha revisión do estado da rede de alumado público que evite que se produzan avarías que poidan ocasionar apagóns na cidade

A portavoz do PP afirma que "en ningún caso poden existir rúas ou barrios que en horario nocturno carezan da mínima iluminación pública que garanta a seguridade viaria e cidadá"

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que demandan que o Goberno local proceda á revisión do estado da rede de alumado público para evitar que se produzan avarías que puidesen estar producindo apagóns de xeito reiterado, como se ten argumentado por parte do Concello nalgúns casos.

Os populares esixen ademais que as medidas dirixidas a reducir o consumo eléctrico se adopten con arranxo a criterios de eficiencia enerxética, igualdade e racionalidade e asumindo medidas correctoras para que, en ningún caso, existan rúas ou barrios que en horario nocturno carezan da mínima iluminación pública que garanta a seguridade viaria e cidadá. Desde o PP pídese tamén a adopción daquelas medidas necesarias para evitar o sobrecusto e desequilibrio que produce que haxa tres farolas acesas iluminando o mesmo espazo, mentres outros permanecen ás escuras.

O plan de aforro enerxético está recollido no plan de axuste e supoñería un aforro de 60.000 euros para as arcas municipais. O PP considera que a súa adopción non se axusta a criterios racionais, nin equitativos dando lugar ata a situacións de inseguridade cidadá. Así o expuxeron os populares en agosto de 2012 a través doutra moción e sen que a situación cambiara ou teña mellorado desde entón.

Todo segue igual

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que os populares seguen recibindo numerosas queixas de veciños pola ausencia de iluminación pública en horario nocturno en determinadas rúas. "Mantense a confusión sobre se a causa da falta de alumado está nas medidas de aforro enerxético ou en avarías e segue sen acometerse actuación algunha de renovación ou modernización da rede que permita racionalizar o consumo sen someter aos veciños á total escuridade nalgunhas zonas", indica a popular.

O Grupo Municipal do PP advirte tamén da existencia de puntos onde conviven acendidas ao mesmo tempo ata tres farolas nunha distancia de dous ou tres metros. Critican ademais que non se acometa actuación algunha na rede de abastecemento de auga potable que permita unha redución do consumo eléctrico da potabilizadora para lograr a eficiencia necesaria.

Para rematar, os populares recordan as obras e reformas ás que xa aludiron en agosto de 2012 e que, lonxe de favorecer o consumo, provocaron o seu aumento de xeito considerable, como o caso da fonte cibernética, que permanece apagada polo elevado custo que xera, ou a duplicidade de iluminación existente no paseo peonil de Rolda de María Emilia Casas Baamonde "totalmente innecesaria".

Novas

Redes Sociais