Novas

Sábado, 23 de novembro de 2013

A portavoz do Grupo Municipal do PP pon como exemplo o pago de facturas que contan con reparos por parte do servizo de intervención municipal

O PP critica que o Concello non queira financiar as luces de Nadal mentres gasta máis de 47.880 euros na organización e cartelería dos mercados temáticos

Julia Rodríguez rexeita "o plan de aforro ficticio" do Goberno local nunhas datas tan sinaladas nas que debería mostrar o seu apoio aos comerciantes e empresarios da cidade

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica que o Concello non queira financiar as luces de Nadal, tal e como vén solicitando o Centro Comercial Urbano (CCU), mentres gasta máis de 47.880 euros na organización e cartelería dos mercados temáticos que se celebran na praza de abastos. En concreto, o Goberno local destinou 22.741,95 euros á empresa Comunicación Gráfica S.L. desde o ano 2012 para a cartelería dos mercados temáticos, aos que sumar 25.140,17 euros que pagou a Rural Consulting pola organización dos mesmos mercados.

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, rexeita o "plan de aforro ficticio" do que fai gala o alcalde nunhas datas tan sinaladas nas que o Goberno local debería mostrar o seu apoio aos comerciantes e empresarios da cidade. Rodríguez, pon o acento, non só na elevada contía que se destina aos mercados temáticos a través destes dous importes, senón ao feito de que ambas empresas son de fóra de Monforte "como xa vén sendo habitual no xeito de proceder deste goberno municipal".

As facturas sinaladas contan ademais con reparos do servizo de intervención municipal nos que se indica que deberían terse tramitado co correspondente expediente de contratación, posto que superan o límite do contrato menor, establecido nos 21.780 euros. O servizo de intervención precisa que "debería fixarse un prezo unitario por cada cartel ou pancarta que garanta os principios de publicidade e concorrencia que rexen a contratación administrativa", o mesmo que na organización dos mercados.

O Grupo Municipal do PP de Monforte considera que a actuación do alcalde reflicte "unha discriminación clara" dunha parte importantísima do comercio da cidade, polo que invita ao rexedor a reconsiderar a súa postura. Os populares insisten ademais en que a cifra necesaria para as luces e ornamentación das festas que tería que asumir o Goberno local "é moi inferior á que se destina a publicitar os mercados da praza".

Novas

Redes Sociais