Novas

Martes, 26 de novembro de 2013

O Grupo Municipal do PP solicitou a convocatoria dunha sesión plenaria de carácter extraordinario que se celebrará o xoves, 28 de novembro

O PP demanda que a Deputación modifique as bases dun plan de emprego "discriminatorio e excluínte cos concellos e desempregados lucenses"

Julia Rodríguez sostén que o programa de fomento do emprego da institución provincial debe garantir a igualdade de oportunidades dos desempregados, con independencia do lugar no que residan

O Grupo Municipal do PP de Monforte solicitou a pasada semana a celebración dun Pleno de carácter extraordinario no que demandarán o apoio dos demais grupos políticos para instar á Deputación provincial a modificar as bases que regulan o programa temporal de fomento do emprego e posta en valor do territorio ao entender que é "discriminatorio e excluínte cos concellos e cos desempregados lucenses".

Os populares demandarán na sesión plenaria, que terá lugar o vindeiro xoves ás 16:30 horas, que se modifiquen as bases que regulan o plan de emprego articulado pola Deputación provincial, recollidas no BOP do 9 de novembro de 2013, co propósito de que poidan participar todos os concellos da provincia e poida beneficiarse ao maior número de persoas desempregadas posible.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que pedirán ademais que se incremente, en cantidade suficiente, o orzamento destinado a este plan de emprego, de maneira que se garanta a igualdade de oportunidades dos desempregados lucenses "con independencia do concello no que residan". Rodríguez precisa que da análise do plan extráese que só poden sumarse 55 dos 67 municipios da provincia, unha situación que provoca "unha importante discriminación e a repulsa dos alcaldes afectados".

Só inclúe a 5 desempregados de Lemos

De feito, da revisión do plan de emprego da Deputación provincial despréndese tamén que dun total de 2.455 parados da Comarca de Lemos, tan só 5 poderán ser contratados pola institución. Dos seis concellos que integran a Comarca de Lemos, cinco quedan fóra: Monforte, Bóveda, Pantón, O Saviñao e Sober, mentres que o que se beneficia do programa, A Pobra de Brollón, está gobernado por un dos partidos que dirixen a Deputación de Lugo, o BNG.

Novas

Redes Sociais