Novas

Sábado, 30 de novembro de 2013

O Grupo Municipal do PP rexeita que o ente provincial gaste 42.000 euros de recursos públicos na limpeza e mantemento da leira, cando a asociación se ofrece a asumila de forma gratuita

O PP pídelle á Deputación de Lugo que atenda a petición de Prodeme sobre o aproveitamento dos recursos da leira de Tor

Os populares manteñen o seu compromiso de ceder a xestión do terreo á asociación unha vez recuperen a institución provincial

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno, tal e como se comprometeu coa asociación Prodeme, para instar á Deputación de Lugo a atender a petición do seu presidente, Julio Cortiñas, en relación ao aproveitamento de parte dos recursos dos que dispón a leira de Tor. Os populares rexeitan que o ente provincial gaste 42.000 euros de recursos públicos na limpeza e mantemento do terreo, que asumiría de forma gratuíta Prodeme.

Os populares manteñen o seu compromiso de que cederán á asociación a xestión da leira unha vez que o PP recupere o goberno provincial.

O Grupo Municipal do PP explica na súa moción que a asociación solicitou á Deputación aproveitar parte dos recursos dos que dispón a leira de Tor para incrementar as súas actividades ocupacionais agrícola-gandeiras nas que teñen gran experiencia, á vez que potencian a integración laboral das persoas con discapacidade intelectual.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, subliña que o uso da leira "non só redundaría nun beneficio económico-laboral para o colectivo de persoas con discapacidade, senón que non representaría carga nin custo algún para a Deputación e evitaría os custos da súa limpeza e mantemento.

42.000 euros que se poderían aforrar

Desde o PP critican que a Deputación provincial non só desoíu as reiteradas peticións que a asociación veu solicitando desde abril do ano 2008, senón que recentemente optou por contratar cunha empresa privada a limpeza da leira por un importe anual de máis de 42.000 euros. "Esta decisión non só é antieconómica senón claramente inxusta desde o punto de vista do apoio á discapacidade", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais