Novas

Luns, 2 de decembro de 2013

O Grupo Municipal Popular interésase pola razón pola cal as luminarias non foron repostas aos seus báculos

O PP preguntará no Pleno pola retirada das farolas que se atopaban na marxe dereita do paseo do Malecón

Julia Rodríguez considera que as lámpadas convencionais existentes alén da beirarrúa "son insuficientes" para iluminar minimamente esa zona próxima ao río

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha pregunta ao Pleno do mércores na que interpelan ao Goberno local sobre o lugar no que se atopan as luminarias que foron retiradas das farolas de forxa instaladas na marxe dereita do paseo do Malecón. Os populares interésanse ademais por saber a razón pola cal a pesar do tempo transcorrido desde a súa retirada as luminarias non se repuxeron aos seus báculos, polo que esperan que o Concello explique cando procederá á súa reposición.

Desde o PP explican que o paseo do Malecón constitúe un das contornas máis significativas do Río Cabe ao seu paso por Monforte, non só pola beleza da contorna, senón por tratarse da zona de tránsito de vehículos que ofrece unha maior proximidade ao río. A portavoz do PP en Monforte, Julia Rodríguez, destaca a imaxe que ofrece ao foráneo que chega procedente da zona norte, "unha estampa de Monforte vinculada ao río cunha zona verde que non abunda na nosa cidade".

Elementos facilmente corrixibles

O Grupo Municipal Popular puxo de manifesto anteriormente a necesidade de que esa contorna se manteña en condicións óptimas para ofrecer unha imaxe adecuada da cidade nun dos seus principais accesos á zona centro. Julia Rodríguez considera que o paseo do Malecón ofrece unha imaxe "francamente mellorable" que precisaría dunha actuación de maior envergadura, aínda que hai elementos facilmente corrixibles e "que se desatenden por parte do Goberno local".

Un claro exemplo son as farolas e luminarias de forxa que o Goberno local retirou fai algúns anos deixando no lugar unicamente os báculos. Os populares indican que esa beirarrúa carece de iluminación algunha, de maneira que o paseo do Malecón conta unicamente coa iluminación das farolas convencionais existentes alén da beirarrúa, insuficientes para iluminar minimamente esa zona próxima ao río.

Novas

Redes Sociais