Novas

Venres, 6 de decembro de 2013

O Grupo Municipal do PP pediu o acordo do Pleno para que a Deputación atenda as demandas da asociación, pero tanto o BNG como o PSOE abstivéronse na votación

O PP lamenta a falta de apoio de nacionalistas e socialistas para que Prodeme xestione a leira de Tor

Julia Rodríguez rexeita as escusas esgrimidas polos dous grupos cando xa existe un contrato cunha firma privada que custará 42.000 euros á institución provincial

O Grupo Municipal do PP de Monforte lamenta a falta de apoio que mostraron no Pleno nacionalistas e socialistas ao absterse en relación coa petición de que Prodeme xestione a leira de Tor de xeito gratuíto. A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, expuxo a importancia de que Prodeme xestione parte dos recursos do terreo, en lugar de pagarlle a unha empresa privada, como así decidiu a Deputación de Lugo.

Os populares rexeitan as escusas esgrimidas polos dous grupos, concretamente as explicacións do portavoz do PSOE, cando a Deputación xa contratou a unha firma privada á que pagará 42.000 euros anuais pola xestión do terreo. Rodríguez afirma que "as palabras dos portavoces resultaron ser soamente literatura porque non foron capaces de dar o seu apoio á asociación co respaldo á proposta do PP".

"Non poden dicir que oxalá Prodeme poida optar ao concurso para facerse cargo da leira cando xa foi adxudicada", rexeita a portavoz. Julia Rodríguez critica unha decisión da Deputación que agora nacionalistas e socialistas non foron capaces de censurar e que non só é antieconómica senón "claramente inxusta desde o punto de vista do apoio á discapacidade".

Compromiso do PP con Prodeme

Os populares manteñen o seu compromiso de que cederán á asociación a xestión da leira unha vez que o PP recupere o goberno provincial.

O Grupo Municipal do PP indicou no Pleno que a asociación solicitoulle á Deputación aproveitar parte dos recursos dos que dispón a leira de Tor para incrementar as súas actividades ocupacionais agrícola-gandeiras nas que teñen gran experiencia, á vez que potencian a integración laboral das persoas con discapacidade intelectual.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, subliña que o uso da leira "non só redundaría nun beneficio económico-laboral para o colectivo de persoas con discapacidade, senón que non representaría carga nin custo algún para a Deputación e evitaría os custos da súa limpeza e mantemento".

Novas

Redes Sociais