Novas

Mércores, 11 de decembro de 2013

O Grupo Municipal Popular presentará unha moción ao próximo Pleno na que solicitarán que o Goberno local reserve unha parte dos fondos públicos a atallar o paro

O PP pedirá que os orzamentos de Monforte de 2014 incorporen unha partida destinada á promoción de emprego

Julia Rodríguez explica que toman esta decisión despois de que BNG e PSOE dean por bo un plan da Deputación provincial que exclúe e ignora aos desempregados da cidade do Cabe

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción no próximo Pleno da Corporación, previsto para o 30 de decembro, na que pedirán que o Goberno local inclúa nos Orzamentos de 2014 unha partida concreta destinada á promoción e dinamización de emprego.

Os populares toman esta decisión despois de que nacionalistas e socialistas rexeitasen a proposta do PP para que a Deputación de Lugo modificase as bases dun plan de emprego "que exclúe e discrimina a Monforte". A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que se fará a solicitude ademais como consecuencia á negativa do Goberno provincial a asinar o convenio para o servizo de axuda no fogar.

"Tanto o PSOE como o BNG renunciaron ao millón de euros que a Xunta lles concedía en materia de promoción de emprego", destaca a portavoz. Julia Rodríguez sostén que socialistas e nacionalistas "non defenden os intereses de Monforte no que se refire á procura de emprego e a redución da cifra de parados".

h3>A Xunta cumpre

A popular subliña que a Xunta, ademais do millón de euros que tiña previsto destinar á Deputación de Lugo a través do convenio de servizos sociais, realizou un investimento en materia de emprego de preto de 30.000 euros en 2013 a través do plan de cooperación. A estas cantidades, habería que sumar o investimento no porto seco, na potabilizadora e en todas aquelas obras que o Goberno galego impulsa na cidade. En contraposición ao compromiso da Xunta con Monforte os populares citan a actitude que manteñen a Deputación provincial e o Goberno local.

"Todos os monfortinos saben que o Concello recadou en 2013 máis de 400.000 euros adicionais en concepto de IBI sen que explicara en qué pensa investilos". Ademais, en 2014 o Goberno local terá uns ingresos de 3,2 millóns de euros polo mesmo concepto, 400.000 euros máis do previsto e cos que non contaba ao manterse o tipo no 0,60.

Por todo iso, o Grupo Municipal do PP invita ao rexedor local e ao seu socio de goberno na sombra, o PSOE, a que destinen parte deses recursos ao deseño dun plan de emprego municipal que permita reducir o número de desempregados no municipio da zona sur máis castigado polo paro. Julia Rodríguez cita como exemplo o anuncio feito público polo rexedor de Sober, quen incluirá nos seus orzamentos unha partida específica para combater os datos do desemprego.

"Monforte ten a necesidade e a urxencia de facer algo similar para poñerlle freo á perda de traballos que sofre a cidade e máis logo de dar por boas as decisións da Deputación provincial nas que decidiron ignorar aos parados da nosa cidade", conclúe.

Novas

Redes Sociais