Novas

Martes, 17 de decembro de 2013

O Grupo Municipal Popular critica que o alcalde aínda non lles presentou un borrador coas contas para o próximo exercicio, cando deberían ser aprobadas antes do 31 de decembro

O PP demanda información ao Goberno local sobre os Orzamentos de 2014 "a falta de dúas semanas para que remate o ano"

Julia Rodríguez denuncia a demora do Concello, que do mesmo xeito que en 2013, atrasou os orzamentos municipais sen tratar de chegar a acordos cos demais grupos da Corporación

O Grupo Municipal do PP de Monforte demanda información sobre os Orzamentos para 2014 ao Goberno local "a falta de dúas semanas para que remate o ano". Os populares critican que o alcalde aínda non lles fixo chegar o borrador da contas para o próximo exercicio, uns Orzamentos que deberían ser aprobados antes do 31 de decembro, tal e como marca a Lei.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, denuncia o atraso do Concello en dar a coñecer os Orzamentos municipais, a mesma demora que levou a cabo no 2013, coa oposición dos demais grupos da Corporación. "Non sabemos se van ser cociñados de novo polo bipartito na sombra que goberna Monforte, pero o certo é que co PP aínda non contactou ninguén do Concello", expón a portavoz.

Julia Rodríguez considera que os Orzamentos para o 2013 deben recoller a realidade que viven todos e todas os monfortinos, con especial preocupación polo emprego. Por iso, solicitarán ao Goberno local que articule medidas específicas que promovan e dinamicen o mercado laboral na cidade, unha das máis castigadas polo paro.

Necesidade dunha maior transparencia

O Grupo Municipal do PP demandará ademais unha mellora da xestión dos fondos públicos por parte do Concello, así como un incremento da transparencia no modelo de Goberno que permita a todos os cidadáns "saber en que se gasta cada euro e cales son as prioridades do alcalde e do seu equipo".

Os populares estiman necesario poñer fin á política de gasto en persoal e ao elevado gasto corrente que viñeron denunciando de xeito reiterado nos últimos anos. Tamén ven imprescindible rematar cos reparos por parte do servizo de Intervención municipal a numerosos pagos e contratos ou a aparición de facturas que se gardan no caixón e que se abonan anos despois de que se prestou o servizo.

"Non só non se fixeron investimentos na rede de alumado, senón que o Goberno local tampouco foi capaz de asumir os compromisos cos subministradores de servizos, como o da luz, en tempo e forma".

Novas

Redes Sociais