Novas

Mércores, 18 de decembro de 2013

A Consellería de Sanidade publicou onte no DOG o anuncio dunha subvención á agrupación de Concellos de Lemos por importe de 39.938 euros

O PP valora a concesión dunha axuda para cofinanciar proxectos de prevención de drogodependencias e condutas aditivas

Julia Rodríguez sinala que esta convocatoria "deixa á vista a diferenza entre as subvencións en concorrencia competitiva da Xunta e o partidismo que rexe as bases do plan de emprego da Deputación de Lugo"

O Grupo Municipal do PP de Monforte valora a concesión á agrupación de Concellos de Lemos, entre os que figura a cidade do Cabe, dunha subvención para o cofinanciamiento de proxectos de prevención de drogodependencias e condutas aditivas. En concreto, a Consellería de Sanidade fixo pública onte a través do DOG unha axuda de 39.938 euros, o 95% da porcentaxe que podía alcanzarse na convocatoria.

A subvención está dirixida ao desenvolvemento de proxectos de prevención de drogodependencias e condutas aditivas en diferentes ámbitos, como o escolar, o familiar ou o xuvenil, entre outros. O Concello de Monforte concorreu con outros concellos da zona, unha asociación que o PP estima aconsellable para outras solicitudes co fin de alcanzar unha maior puntuación e non perder as axudas, como xa ten ocorrido con convocatorias anteriores.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, destaca o esforzo da Xunta na recuperación deste tipo de axudas, que foran suprimidas para os concellos. "Trátase dunha subvención moi relevante se consideramos a transcendencia de adoptar medidas preventivas nesta materia para evitar que os nosos mozos se vexan perxudicados por esta ameaza social", indica.

Da análise da subvención despréndese, segundo pode comprobarse no DOG que se axunta, que Monforte foi a agrupación de Concellos que máis achega recibiu da súa categoría, fóra diso Sanxenxo. Julia Rodríguez afirma que este feito, unido á negativa de subvencionar a múltiples Concellos gobernados polo PP, deixa á vista as diferenzas entre as subvencións convocadas en concorrencia competitiva pola Xunta, en contraposición co plan de emprego da De0putación "no que só primou o interese partidista".

Ampliar

Novas

Redes Sociais