Novas

Mércores, 18 de decembro de 2013

O Grupo Municipal do PP aclara que os recibos impagados dos que os acusa o alcalde corresponden a facturas do ano 2012 e 2013 dun local no que xa non teñen a súa sé desde 2011, como así se informou ao Goberno local no seu día

O PP denuncia o caos do Concello na xestión da recadación de impostos municipais

Os populares solicitarán que se regularice esta situación que ten a súa orixe en que o Goberno local non cursou o aviso de cambio de domicilio efectuado

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia o caos do Concello na xestión da recadación de impostos municipais. Así llo trasladaron recentemente numerosos veciños ao PP, tras sufrir incidencias como as que viven agora os populares posto que desde o Concello dan conta de comunicacións verbais que non sempre se traducen en comunicacións oficiais. Así, sen recibir notificación por vía voluntaria, despois reciben unha notificación por executiva.

Os impagos que se lle atribúen ao PP constitúen un exemplo claro de recibos que se remiten indebidamente cando os populares non ocupan ese local desde o ano 2011. O GMPP sostén que se trata dun caos que afecta a numerosos monfortinos e que representa ademais un incremento nos gastos para o Goberno local.

Un erro de notificación

Os populares aclaran que as facturas que figuran no BOP do sete de outubro non se corresponden co Grupo Municipal do PP actual, senón que se refiren a un local que o partido non ten en aluguer desde o ano 2011. A portavoz do PP en Monforte, Julia Rodríguez, presentará mañá mesmo un escrito no Concello, no que demanda que se anulen todos os recibos virados ao anterior Grupo Municipal do PP (que non se atopen en vía executiva) con posterioridade ao mes de maio de 2011 pola taxa do lixo dun inmoble de Avenida de Galicia.

Os populares vense obrigados a pagar as facturas por atoparse en vía executiva pero pedirán a devolución de todos os importes notificados desde o ano 2011 ata a actualidade. "Solicitouse un cambio de domicilio que non se atendeu e na mesma situación poden estar moitos monfortinos, o que non quere dicir en absoluto que sexan morosos", explica Rodríguez.

A portavoz explica ademais que a baixa no aluguer por parte do anterior grupo foi posta en coñecemento do servizo de recadación no ano 2011 por parte do anterior portavoz do PP, que operaba co CIF dos recibos sinalados.

A portavoz do PP esixe ao alcalde unha rectificación pública logo de poñer en dúbida o cumprimento dos deberes impositivos por parte do Grupo Municipal Popular. "Non se pode lanzar esta acusación á lixeira sen comprobar cal é o problema no que ademais poden atoparse moitos cidadáns máis de Monforte atendendo á cantidade de recibos que aparecen no BOP citado polo alcalde", critica Rodríguez. Os populares esíxenlle ao rexedor que mellore e controle a xestión do cobro dos impostos para evitar que se repitan este tipo de situacións que causan importantes perxuízos ao administrado e elevan o gasto ao Goberno local.

Facturas da luz pagas en 2013

En relación coas tres facturas da luz que o Goberno local non abonou ata o ano 2013, os populares insisten que o desembolso de 100.000 euros neste exercicio non permite que se dea cumprimento ao plan de aforro enerxético fixado no plan de axuste municipal. "O relevante non é se as facturas se aboaron en xuño ou en outubro, senón que había unha cantidade de 100.000 euros pendente de pagar de 2010 e 2011 que houbo que costear co Orzamento de 2013", replica a portavoz.

Engade ademais que o PP explicou claramente que as facturas figuran nun recoñecemento extraxudicial de crédito, polo que o pago podería ser satisfeito pero sempre con cargo ao 2013. Julia Rodríguez insiste en que estas actuacións provocan que a redución dos custos da luz non resulte efectiva.

Novas

Redes Sociais