Novas

Xoves, 19 de decembro de 2013

O Grupo Municipal Popular pide incentivos para a instalación de empresas e negocios en Monforte, así como estímulos fiscais nos tributos locais para os negocios e empresas de nova creación ou aqueles que incrementen o número de asalariados

O PP demanda que os Orzamentos municipais de 2014 inclúan unha partida destinada a estimular a economía local e promover o emprego

Julia Rodríguez esgrime que o estímulo ao emprego "non pode vir unicamente do incremento do gasto de persoal do Concello"

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno do 30 de decembro na que demandan que os Orzamentos de 2014 inclúan unha partida destinada a estimular a economía local e promover o emprego. Para iso, solicitan incentivos para a instalación de empresas e negocios na cidade, así como estímulos fiscais a través dos tributos locais para os negocios e empresas de nova creación ou para aqueles que incrementen o número dos seus asalariados.

Os populares explican que xa en Orzamentos anteriores rexeitaron a ausencia de partidas destinadas a incentivar o establecemento de empresas ou a dinamización e estímulo do emprego na cidade. Sinalan ademais, como algo negativo, o feito de que empresarios monfortinos opten por instalar as súas empresas en polígonos de concellos limítrofes en resposta ás mellores condicións que lles ofreceron en relación con Monforte.

Os últimos datos do paro correspondentes ao mes de novembro indican que a evolución na metade sur de Lugo é peor que o en conxunto de Galicia e do Estado. As cifras revelan que a evolución negativa débese basicamente aos datos de Monforte, con 1.781 parados, 36 máis que o mes anterior. O cómputo interanual reflicte ademais que en Monforte hai un 2,7% máis de parados que en novembro do ano 2012.

Necesidade de frear a caída

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que esta situación obriga a considerar o desemprego "como un dos principais problemas do municipio e polo tanto, a priorizalo e buscar medidas correctoras ou mecanismos que contribúan a frear esa caída libre". A popular engade que o estímulo ao emprego non pode proceder unicamente do incremento do gasto de persoal do Concello, como o PP cuestionou de forma reiterada, xa que compromete os recursos públicos do ente local de xeito importante para Orzamentos presentes e futuros.

O Grupo Municipal do PP critica de novo que tanto BNG como PSOE rexeiten a proposta na que se pedía modificar as bases do plan de emprego da Deputación de Lugo por deixar fóra á cidade e impedir que os desempregados de Monforte poidan verse beneficiados. O mesmo rexeitamento que mostraron ao non apoiar a firma dun convenio vinculado ao financiamento do servizo de axuda no fogar que poñería a disposición dos parados da provincia 1.000.000 de euros.

Novas

Redes Sociais