Novas

Sábado, 21 de decembro de 2013

Os populares presentaron unha moción na que solicitan ademais que a administración local estableza medidas dirixidas a promover a contratación de persoas con discapacidade

O GMPP demanda a elaboración dun plan de discapacidade para emendar as dificultades de accesibilidade e as barreiras arquitectónicas

Julia Rodríguez pide que se inste aos organismos competentes a fin de eliminar aquelas barreiras que dificulten o acceso a determinados edificios públicos da cidade

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno do 30 de decembro na que demandan a elaboración dun Plan de discapacidade do Concello de Monforte, contando coa participación dos colectivos afectados, co fin de avaliar as barreiras arquitectónicas e outras dificultades de accesibilidade que limiten a mobilidade das persoas con discapacidade en elementos públicos, así como as medidas para emendalas.

Os populares consideran ademais que debe habilitarse unha partida orzamentaria para adoptar progresivamente estas medidas, á vez que piden que se inste aos organismos competentes a fin de eliminar as barreiras arquitectónicas que dificultan o acceso a determinados edificios públicos da cidade.

En terceiro lugar, o Grupo Municipal do PP de Monforte solicita que a administración local estableza medidas dirixidas a promover a contratación de persoas con discapacidade, de cara a conseguir unha maior integración.

O PP precisa na moción que recibiu queixas de persoas que sofren distintas discapacidades, así como dos seus familiares, en relación a dificultades de mobilidade, accesibilidade e integración, especialmente laboral. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, estima "necesario" un plan que permita "non só deseñar actuacións tendentes a conseguir unha cidade máis accesible, senón tamén que profunde na maior integración social das persoas con discapacidade".

O Concello de Monforte adoptou medidas puntuais nos últimos anos dirixidas a eliminar barreiras arquitectónicas en elementos públicos, aínda que se levaron a cabo outras que representan unha dificultade engadida para a mobilidade, como o empedrado de rúas, o exceso de mobiliario urbano, a permanencia de ramplas impracticables nalgunhas rúas ou a insuficiencia de estacionamentos reservados para persoas con discapacidade. Tamén se refire o PP á existencia na cidade de edificios públicos con importantes barreiras "que é necesario eliminar".

Contratación de persoas con discapacidade

A portavoz do PP recorda que o Goberno local multiplicou o gasto de persoal nos últimos dez anos, sen que se teña afondar na contratación de persoas con discapacidade. "Non xa nos que corresponde a probas selectivas de funcionarios ou persoal laboral, ás que obviamente concórrese en réxime de igualdade, senón nas contratacións para cubrir postos de forma temporal ou no marco de convenios formativos ou de selección de persoal que permitan establecer bases nas que se facilite a contratación de persoas con discapacidade", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais