Novas

Martes, 11 de xuño de 2013

O Grupo Municipal Popular de Monforte recibiu queixas de veciños e usuarios debido ao mal estado que presenta o seu asfaltado, con numerosas fochancas

O PP pídelle ao Goberno local o acondicionamento e mellora do asfaltado da vía Camiño Real a Seoane

Os populares solicitan ademais que se amplíe a anchura da rúa

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que solicitan que, previos os trámites oportunos, se proceda ao acondicionamento e mellora do asfaltado da vía coñecida como Camiño Real a Seoane "a fin de deixalo en condicións óptimas para o uso que lle é propio". Os populares solicitan ademais que se proceda á ampliación da anchura do asfaltado do Camiño Real para servir ao tráfico habitual que soporta a vía.

O Grupo Municipal do PP presenta esta iniciativa logo de recibir queixas de veciños e usuarios debido ao mal estado que presenta o seu asfaltado, con numerosas fochancas, que se localizan principalmente no tramo máis próximo á zona urbana.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que o deterioro que presenta Camiño Real "non se corresponde co estado de mantemento mínimo que debe presentar unha rúa en plena zona urbana, máxime considerando que é a vía de acceso a dous centros educativos; o colexio Infanta Elena e a Unidade de Acción Formativa da Xunta de Galicia".

Tránsito de autobuses

Os populares expoñen que por esta vía transitan autobuses, malia que a reducida anchura e o mal estado do asfaltado non a fan adecuada para o tráfico de vehículos pesados destas características.

Por iso, o Grupo Municipal do PP pide tamén o ensanche da zona de asfaltado que require a vía a fin de servir adecuadamente ao uso que lle é propio, polo que será necesaria unha actuación de certa envergadura para o que haberá de dispoñerse da necesaria dotación orzamentaria. Con todo, a actuación sobre as fochancas que presenta a vía, a fin de acondicionala minimamente para o uso que lle é propio, non require dun gran desembolso, polo que, "interesa que se acometa esta obra o máis axiña posible", conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais