Novas

Mércores, 1 de xaneiro de 2014

O GMPP sostén que o nacionalista deixou entrever no Pleno que non dará cumprimento ao acordo en resposta á desconformidade co PXOM que mantivo o xerente da asociación

O PP critica que o alcalde decida "incumprir" o acordo plenario de 2012 que obrigaba ao Concello a recalificar os terreos de Prodeme

Julia Rodríguez esixe que o Goberno local realice as xestións oportunas que comprometeu a Corporación a través dun acordo aprobado por unanimidade

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica que o alcalde decida "incumprir" o acordo plenario de xaneiro de 2012 no que a Corporación obrigaba ao Concello a iniciar os trámites para recalificar os terreos nos que Prodeme quere edificar un centro dotacional. Os populares rexeitan as declaracións realizadas polo alcalde no Pleno do luns nas que deixou entrever que non dará cumprimento ao acordo en resposta á desconformidade co PXOM que mantivo o xerente da asociación.

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, cuestiona ademais o argumento do rexedor local sobre o proxecto de Prodeme, tendo en conta de que os portavoces municipais aprobaron en xaneiro do ano 2012 un acordo plenario por unanimidade en base ao proxecto presentado pola asociación. "Xa existe un acordo vixente sobre ese proxecto e a necesidade e acordo de recalificar os terreos, polo que non entendemos que o Concello reclame que xe presente un proxecto que xa coñece", explica a popular.

O GMPP sostén que o rexedor actúa incumprindo o acordo do Pleno como consecuencia da posición tomada polo xerente de Prodeme respecto ao PXOM, unha reacción que os populares consideran "preocupante cando a maioría dos monfortinos se manifestaron en contra do plan". "O que sabemos é que Prodeme pediu en 2011 recalificar uns terreos e a súa demanda aprobouse nun acordo plenario en xaneiro de 2012, pero parece que o Concello decidiu desatendela". Os populares explican ademais que o proxecto feito público por aquel entón pola asociación podería servir para dar resposta ás demandas dos alumnos do Colexio Infanta Elena. Logo da reunión que o PP celebrou co seu xerente comprobou que a formulación non variou e que a petición completa un proxecto social moi ambicioso "como non hai outro en Galicia".

A portavoz cuestiona o empeño do rexedor en ofrecer un terreo do Concello cando non ten recursos para levar a cabo o proxecto mentres pon trabas a unha proposta que daría cobertura a numerosas familias, non só as do Colexio Infanta Elena, xeraría postos de traballo e que implica un desembolso de 600.000 euros de capital para a súa execución. "O interese do proxecto de Prodeme non reside unicamente na prestación asistencial que daría, senón que ademais suporía 50 postos de traballo para Monforte", conclúe.

Novas

Redes Sociais