Novas

Sábado, 11 de xaneiro de 2014

O Grupo Municipal do PP sostén que a probabilidade de que o Concello de Monforte resultase beneficiado "era moi elevada"

O PP lamenta que o Goberno local non presentara en forma e prazo a solicitude para a subvención que lle permitiría contratar un AEDL

Julia Rodríguez invita ao alcalde a presentar a súa proposta para os talleres de emprego pensando nos requisitos establecidos e con adhesión aos criterios que fixa o Goberno galego

O Grupo Municipal do PP lamenta que o Goberno local de Monforte non presentara en forma e prazo a solicitude para a subvención que lle permitiría contratar un axente de emprego e desenvolvemento local (AEDL) ao amparo da orde de catro de outubro de 2013. Os populares preguntarán no próximo Pleno as razóns polas que a solicitude foi presentada fóra de prazo e de forma distinta a como esixía a norma e cómo pensa solucionar o Goberno local os efectos dese erro.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, critica que isto poida pasar "tendo en conta a importancia deste tipo de axudas para as entidades locais e o número de persoal co que conta o Concello para poder tramitar a subvención dentro do prazo establecido".

O PP xa fixera referencia con anterioridade "ás estrañas circunstancias" nas que a finais do ano pasado o Concello contratou, nun período curto de tempo e sen apenas publicidade, un axente de emprego e desenvolvemento local ao amparo da orde de 2012, no ámbito das subvencións concedidas pola Xunta de Galicia. "O que sorprende é que non se actuou coa dilixencia necesaria para obter a mesma subvención", sinala.

Incumprimento da orde

Posteriormente a orde do 4/10/2013 convoca subvencións no ámbito de colaboración con entidades locais para a contratación de axentes de emprego, unha solicitude que os interesados deberían presentar por medios telemáticos no prazo dun mes desde a súa publicación no DOG, con todo presentárono fóra de prazo e por un medio diferente ao esixido.

O PP preguntará no Pleno como vai emendarse o incumprimento do prazo e forma de presentación da solicitude. Tamén se interesará polos efectos que pode traer consigo que a axuda se perda por esta causa, se o Goberno local pode manter esa praza e nese caso, se abrirá un novo proceso de contratación con publicidade e garantías para todos os desempregados monfortinos, ou se manterá á mesma persoa que ocupa actualmente o posto.

Os populares explican ademais que a valoración da axuda ten en conta, entre outros criterios, o número de desempregados existente nese ámbito territorial, a poboación susceptible de ser atendida, así como a existencia de AEDL contratado o ano anterior. Por iso, a portavoz do PP, Julia Rodríguez, indica que a probabilidade de que o Concello de Monforte resultase beneficiado "era moi elevada".

Talleres de emprego

Julia Rodríguez invita ademais ao Goberno local a presentar de novo solicitude para optar aos talleres de emprego da Xunta, unha vez que se abriu o prazo correspondente. "Esta vez deberían presentar a súa proposta pensando nos requisitos establecidos e con adhesión aos criterios que fixa o Goberno galego", destaca Rodríguez.

Desde o PP consideran que o Goberno local debe ter presentes as consideracións de anos anteriores, por se fose preciso modificar o proxecto ou presentar outro cuxas posibilidades de éxito sexan maiores, considerando a importancia e a necesidade de que esa axuda poida beneficiar ao maior número posible de desempregados da cidade. "Non hai que desatender que o fin último pasa por axudar aos parados de Monforte, polo que esta debe ser a prioridade na proposta", conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais