Novas

Mércores, 15 de xaneiro de 2014

O Grupo Municipal do PP denuncia novamente "a falta de interese" do BNG por contratar a empresas da cidade do Cabe

O PP de Monforte cuestiona a xestión e o proxecto do Goberno local para a instalación dunha pérgola no Parque dos Condes

Julia Rodríguez valora que se cubra o espazo pero considera que a proposta non encaixa coa contorna

O Grupo Municipal do PP de Monforte cuestiona a xestión e o proxecto do Goberno local para a instalación dunha pérgola de 40 metros no Parque dous Condes. Unha vez coñecido o proxecto do Concello, a portavoz do PP, Julia Rodríguez, mostra a súa desconformidade coa cuberta que se pretende acometer no parque ao considerar que non encaixa coa contorna.

"Se o PP tivese que cubrir ese espazo non o faría do modo que o propón o Goberno local. Ademais de non ter en conta aos demais grupos con representación no Concello, consideramos que se podería respectar máis o espazo no que está concibido e a contorna do parque", explica a portavoz.

Os populares rexeitan ademais a xestión do Goberno local en relación coa execución do proxecto, tendo en conta que "empezaron as obras por unha fase para a que o Concello non conta co preceptivo permiso de Patrimonio". O PP insiste na sucesión de "erros" á que o alcalde "nos ten afeitos", entre os que se atopan non só as obras que trata de acometer sen licenza, senón a perda de subvencións polo mesmo modo "nefasto" co que os nacionalistas xestionan os fondos públicos.

Antecedentes sobre a falta de licenzas

O Goberno local xa actuou de xeito similar noutras ocasións, como na colocación de determinadas estruturas nas proximidades do Colexio de Nosa Señora da Antiga sen os preceptivos permisos ou coa construción dun muro na contorna do río sen licenza da Confederación Hidrográfica.

Ademais, a portavoz do PP censura que o proxecto vaia ser realizado por empresas foráneas e recorda o compromiso do Goberno local adquirido en Pleno de primar ás firmas locais. Por iso, o Grupo Municipal do PP denuncia de novo "a falta de interese" do Concello por realizar obras con empresas da cidade do Cabe. "Consideramos que poderían pedir unha rebaixa no prezo final do proxecto ou invitar a máis empresas, porque non só dúas se dedican á carpintería metálica en Monforte senón que hai polo menos sete que poderían ter interese en presentar as súas ofertas de ter coñecemento desta posibilidade", replican os populares.

Novas

Redes Sociais