Novas

Xoves, 16 de xaneiro de 2014

O Grupo Municipal Popular mantivo a súa oposición ao proxecto de reforma desde o primeiro momento e foron numerosas as iniciativas que presentou ao Pleno nas que se advertía das irregularidades

O PP urxe ao Concello a corrixir definitivamente as deficiencias que presenta a praza de abastos

Julia Rodríguez denuncia que a penas haxa un só profesional ou empresario monfortino que teña papel neste proxecto desde que se decidiu a reforma

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que urxen ao Goberno local a adoptar o máis axiña posible as medidas necesarias para corrixir as deficiencias que presenta a obra da Praza de Abastos e os danos derivados desta actuación, especialmente na zona de postos e no espazo gastronómico.

Os populares reclaman ademais que a concesionaria asuma a indemnización dos danos e prexuízos que se ocasionou por causa da deficiente execución das obras e que lle sexan imputables. O PP pide tamén iniciar os procedementos sancionadores que correspondan en relación aos incumprimentos que se produciron na obra de reforma da praza.

No texto da moción o Grupo Municipal do PP recorda que a reforma da praza foi adxudicada no ano 2011 por máis de 783.000 euros a unha UTE formada por Xestión ambiental de contratas S.L. e Pozanca S.L. -de Vigo e Ourense- cunha garantía de 33.186 euros e unhas melloras de 175.784 euros. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, recorda que o GMPP mostrou "desde o primeiro momento" a súa total desconformidade co proxecto e as decisións adoptadas polo equipo de Goberno.

O PP presentou desde entón unha relación de mocións e preguntas en relación con esta actuación nas que se advertía das deficiencias en relación cos malos cheiros, os contadores da luz ou o mal estado da cuberta. Á primeira moción de xuño de 2012 seguíronlle outras nas que se criticou a deficiente execución das obras e advertiuse da intención do equipo de goberno de incrementar as taxas que soportaban os placeiros, entre outras queixas.

Julia Rodríguez lamenta que o Concello aceptase a obra ata que estas incidencias non fosen corrixidas e precisa ademais que o feito de incautar a fianza da empresa non ofrece garantías de que esa cantidade sexa suficiente para cubrir os defectos sinalados. A popular explica que as obras non se executaron nin en prazo nin en forma e engade que a omisión do labor de control e vixilancia que lle corresponde ao Goberno local, máxime cando se lle advertiu das incidencias de forma reiterada, impide que se lle exima da súa responsabilidade.

Incumprimento do acordo do Pleno

En relación coa praza de abastos, o PP denuncia ademais que apenas haxa un só profesional ou empresario monfortino que teña papel neste proxecto desde que se decidiu a reforma. O Grupo Municipal do PP prepara unha relación de facturas e encargos que demostran que o Goberno recorre de xeito sistemático á contratación de empresas foráneas ás que destinan importantes contías de recursos municipais.

Os populares pedirán de novo o compromiso do equipo de goberno nacionalista para que termine con este tipo de prácticas, que en moitos casos teñen que ver con facturas en condicións irregulares que son obxecto de reparación por parte do servizo de Intervención. "Incluso as plantas que se colocan na praza de abastos se compran fóra de Monforte e iso é algo que teñen dereito a saber todos os empresarios desta cidade", replica a portavoz.

Novas

Redes Sociais