Novas

Venres, 17 de xaneiro de 2014

O Grupo Municipal do PP considera que o estado do firme representa un risco para os usuarios da vía

O PP esíxelle ao Goberno local que adopte o máis axiña posible as medidas para a reparación das fochas da Rúa Santa Clara

Julia Rodríguez sinala que o pavimento permanece tal e como foi executado polos veciños fai máis de cincuenta anos

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou un rogo para o próximo Pleno no que esixen ao Goberno local que adopte o máis axiña posible as medidas para a reparación das fochas que existen na Rúa Santa Clara. Os populares advirten da existencia, desde fai algún tempo, destes buratos, un deles nas inmediacións da praza coñecida como Custeiro.

A focha da praza Custeiro ocupa practicamente toda a zona central da estrada, cos danos que pode ocasionar para os vehículos e peóns que transitan pola zona.

Os populares recordan que o firme da Rúa Santa Clara foi acondicionado polos veciños fai máis de cincuenta anos e desde entón non se levou a cabo ningunha actuación, fóra da colocación de empedrado nas inmediacións das Clarisas. É por iso que o firme permanece tal e como fose executado polos veciños, cun empedrado e unha capa de cemento.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sinala que a capa de cemento foise desgastando ata o punto de que as pequenas pedras están visibles en case toda a rúa. "O paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas, xunto coa falta de mantemento, fixeron que o desgastar fose importante, dando lugar ás fochas que agora presenta", engade.

O Grupo Municipal do PP considera que as fochas representan un risco para os usuarios da vía, sobre todo tendo en conta que é unha rúa que soporta un tránsito aceptable de vehículos e peóns ao conectar a Rúa María Emilia Casas Baamonde, onde está o Colexio Novo e o conservatorio, coa zona do centro.

Novas

Redes Sociais