Novas

Luns, 20 de xaneiro de 2014

A portavoz do PP de Monforte cualifica de "irresponsable" a actitude do deputado autonómico Vicente Docasar e critica o efecto prexudicial que as súas palabras poden ter na promoción e comercialización da plataforma

Julia Rodríguez presentará unha iniciativa no Parlamento para que o prezo final das parcelas do Porto Seco sexa inferior á estimación inicial

A popular pedirá que se articulen as medidas necesarias para que o importe estea por baixo dos 71 euros/metro cadrado

A deputada do PP por Monforte, Julia Rodríguez, anuncia a presentación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei para o seu debate en comisión na que instará á Xunta a que rebaixe a estimación inicial do prezo das parcelas do Porto Seco, de maneira que, aínda avaliando os custos da actuación, o seu importe definitivo sexa inferior aos 71 euros.

A portavoz do PP en Monforte corrixe ademais a información feita pública polo PSOE en relación co prezo de venda das parcelas do Porto Seco e asegura, tras ter acceso á documentación do Parlamento de Galicia, que ese particular "está en fase de estudo e fixación".

En concreto, a resposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é a que segue:

O prezo de venda das parcelas do Porto Seco de Monforte de Lemos está en fase de estudo e fixación. Na apertura do Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial fixouse un prezo inicial orientativo de 71 euros/metro cadrado, pero prevese que o prezo definitivo pode ser inferior.

A portavoz do PP considera que o deputado Vicente Docasar omitiu a literalidade da resposta, polo que cualifica a súa actitude de "irresponsable", á vez que critica o efecto prexudicial que a súa interpretación pode ter na promoción e comercialización das parcelas da plataforma loxística.

"O prezo estará fixado cando se publique no DOG a Resolución da directora xeral do IGVS, aínda que a Xunta xa precisou na súa resposta que o importe final prevese inferior aos 71 euros orientativos", sinala Rodríguez.

Firme compromiso do Goberno galego

A popular lamenta que o deputado do PSOE "en lugar de contribuír a publicitar en positivo a plataforma o que fai sexa crear alarma dando por feito un prezo que non está fixado co único interese persoal e partidista de cuestionar a actuación da Xunta". Rodríguez invita ao socialista a sumarse a un proxecto "decisivo para Monforte" no que o compromiso do Goberno galego "non está en discusión".

En relación cos prazos de execución dos accesos ao Porto Seco, Rodríguez recorda que a obra está contratada e formalizada, de maneira que se levará a cabo en 18 meses. A portavoz do PP destaca o esforzo do Goberno galego con esta actuación "nunha época de especial dificultade económica".

Novas

Redes Sociais