Novas

Martes, 21 de xaneiro de 2014

Os populares urxen ao alcalde a que inicie o procedemento e deixe de dar voltas "para rematar no mesmo punto"

O PP reclámalle ao Goberno local que recalifique a parcela de Prodeme como así se acordou no 2012

Julia Rodríguez considera que non é necesario un requerimento do CES para cumprir un acordo plenario aprobado por unanimidade

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que reclama que o Goberno local proceda a dar cumprimento ao acordo da sesión do 30 de xaneiro do ano 2012 e inicie o máis axiña posible o procedemento para a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento reclasificando a parcela afectada, propiedade da asociación Prodeme, como chan urbano consolidado dotacional privado. O PP fai esta petición co propósito de levar a cabo canto antes a totalidade do proxecto asistencial que a asociación está desenvolvendo na Rúa Branco Amor.

Os populares recordan que Prodeme realizou a solicitude para a recalificación da parcela o 9 de novembro de 2011 para seguir incrementando as actividades asistenciais que lle son propias. A Corporación acordou por unanimidade na sesión do 31 de xaneiro de 2012 atender a petición da asociación que comprometía ao Goberno local a iniciar o procedemento.

No mes de decembro de 2013 o Grupo Municipal do PP formulou unha pregunta no Pleno para interesarse polo estado dese procedemento e polo grao de cumprimento do acordo plenario. O alcalde deixou caer que a asociación debe trasladar de novo ao Concello o contido do seu proxecto en base a que o seu representante no seu día se situou en contra do PXOU de Monforte.

Da súa resposta parece deducirse ademais que desde que se alcanzou o acordo plenario do ano 2012 non se levou a cabo ningún trámite dirixido á recalificación da parcela, de maneira que tampouco se avanzou no cumprimento do acordo plenario.

Unha proposta moi ambiciosa

A portavoz do PP en Monforte, Julia Rodríguez, explica que os grupos da Corporación "tivemos acceso a ese proxecto asistencial antes de que se adoptase o acordo plenario de recalificación da parcela e non temos constancia de que variase". A popular sinala que se trata dunha proposta moi ambiciosa que ampliaría a fase xa construída complementándoa cun centro ocupacional de 50 prazas, un centro de día de 40 prazas, un centro para grandes dependentes e residencia para gravemente afectados con 20 prazas. Tamén se prevé que mellore a oferta residencial existente de 20 vivendas tuteladas con 8 vivendas máis de similares características.

Rodríguez considera que o proxecto vólvese agora "máis relevante e urxente" na medida en que serviría para dar resposta ás necesidades dos alumnos do Centro de Educación Especial Infanta Elena unha vez rematen a súa estancia no Colexio.

Novas

Redes Sociais