Os populares din que no tramo ao que se refiren non existe nin un paso de peóns a pesar de que nesta vía hai un centro de saúde e unha farmacia
O PP de Monforte reclama pasos de peóns e melloras nas beirarrúas e na calzada de Doutor Casares, no tramo entre Doutor Goyanes e o IES Daviña Rei
- As pedras soltas do pavimento e as tapas de rexistros e sumidoiros afundidas constitúen un risco, segundo os populares, para o tráfico rodado e peonil
- O PP sinala a necesidade de estudar a posibilidade de dar máis ancho a unha das beirarrúas, así como melloras na accesibilidade
Monforte de Lemos, 26 de outubro de 2022. Con frecuencia, mellorar a calidade de vida dos veciños por partes dos concellos require máis vontade política que recursos económicos. O bo estado das rúas é fundamental para que o día a día dos veciños sexa máis seguro, cómodo e agradable. En Monforte hai rúas que precisan a intervención municipal para corrixir as deficiencias que presentan e que son fonte de incomodidades e riscos para o tráfico rodado e peonil. É o caso da rúa Doutor Casares, na que os concelleiros populares demandan varias melloras, tanto no que atinxe á seguridade viaria como a accesibilidade, no tramo comprendido entre a praza Doutor Goyanes e o IES Daviña Rey.
A portavoz popular, Katy Varela, anuncia a presentación dunha iniciativa para corrixir as deficiencias da citada vía. Segundo explican os populares, hai “pedras soltas e tapas de rexistros e sumidoiros rotas”, das que a que está en peor estado “é a da entrada na rúa, a altura da Praza Doutor Goyanes, que está afundida e é un perigo para a circulación”.
Por outro lado, Varela destaca a necesidade de pintar pasos de peóns, xa que no tramo indicado “non existe ningún”, o que é difícil de entender dado que hai “un centro de saúde e unha farmacia”. Polo tanto, como mínimo, sería necesario un paso de peóns á altura do centro de saúde.
Os populares consideran que tamén son precisas melloras nas beirarrúas, porque. “ao inicio da rúa son estreitas e perigosas, sobre todo no lado dos número impares”. Din que tamén é necesario estudar “o problema da accesibilidade nese tramo da rúa”.