Barrio de Las Cruces (Monforte)

A voceira do PP de Monforte levará unha iniciativa ao pleno municipal da Corporación pedindo solucións a os problemas da traída en diferentes barrios da cidade

Katy Varela recrimina a “pasividade” do alcalde José Tomé ante os problemas do abastecemento da auga.

Unha rotura das tubaxes provocou unha nova interrupción do suministro no barrio da Estación e no Morín que agrava un problema xa recurrente. A voceira popular insta a que o rexidor monfortino vele polo cumprimento dos convenios asinados e que busque unha solución global a esta situación.

19, xaneiro, 2022.

Unha nova interrupción do suministro de auga no barrio da Estación agrava o vello problema do mal estado das tubaxes da traída en Monforte. O grupo municipal do Partido Popular presentará, na sesión do pleno da Corporación do próximo luns, 30 de xaneiro, unha iniciativa para que se solucionen os problemas nas instalacións da traída do barrio da Estación e que se priorice esta zona na renovación da rede de abastecemento”.

A voceira popular e presidenta do PP de Monforte, Katy Varela, suliña que, aínda que se están levando a cabo obras de mellora desta rede, “os continuos cortes de auga son un problema recorrente desde fai tempo debido á antigüidade das instalacións de abastecemento”. A concelleira alude ás interrupcións do suministro en diferentes rúas do casco urbano, que se viron afectadas en datas recentes, como foron a rúa de Ourense, O Casar, a rúa Corredoira, a rúa Escultor Francisco Moure, e hoxe, por terceira vez, o barrio da Estación e o Morín”.

En concreto esta zona sufriu tres averías importantes en menos dun mes deixando sen auga durante horas a particulares e negocios. Katy Varela faise eco das queixas veciñais recollidas hoxe na zona afectada e apunta que “despois de oito anos de goberno, o rexidor mostra unha enorme pasividade e vai con atraso na solución deste problema. Só asinou un convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica e coa Deputación de Lugo con fondos insuficientes, e que se debe prorrogar cada ano polo atraso da súa execución”.

Desde o principio do mandato o PP vén advertindo deste problema e mesmo xa levou unha proposta a pleno onde se lle ofrecía ao Concello un plan económico de colaboración de todas as administracións para mellorar a rede de abastecemento.

Katy Varela insta tamén a Tomé Roca para que vele polo cumprimento dos convenios asinados coas institucións e que busque unha solución global a este problema en colaboración con todas as administracións.

“É manifesto que a Xunta de Galicia xa mostrou a súa disposición para colaborar a pesar de que o alcalde de Monforte non fixo caso a esa proposta”, recalca Katy Varela.