A candidata do PP á alcaldía de Monforte expuxo ao conselleiro de Cultura o seu proxecto para crear novos museos na cidade, un deles dedicado á industria do calzado

  • Os populares inclúen no seu programa electoral a creación da tarxeta-museos, que permitirá visitar todos os que hai en Monforte
  • A alcaldable popular destacou os investimentos efectuados por Cultura, tanto no patrimonio histórico-artístico como para a mellora dos centros de Educación Secundaria

Monforte, 14 de marzo de 2023.

A candidata do PP á alcaldía de Monforte, Katy Varela, e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, estudaron vías de colaboración entre o Concello e este departamento da Xunta para promocionar o patrimonio cultural e artístico da cidade do Cabe. Varela e Román Rodríguez, xunto con membros da lista popular, visitaron o museo de arte sacro das Clarisas. 

Katy Varela explicou: “No PP cremos que dende o Concello debe haber máis coordinación cos museo privados que hai en Monforte, para poder potenciar toda esta riqueza do noso patrimonio cultural e artístico. No noso programa electoral incluímos varias iniciativas, entre elas, unha tarxeta-museos, que permita visitalos todos”.  Os populares, segundo di Varela, consideran “que en Monforte hai que promover a creación doutros museos, un deles o do calzado, tendo en conta a tradición da industria do calzado nesta cidade”.  Varela destacou “os investimentos efectuados pola Consellería de Cultura para a rehabilitación dos Escolapios e de San Vicente, así como todos os investimentos millonarios nos diferentes centros de educación secundaria que hai en Monforte; na actualidade está en obras o Instituto Daviña Rey”.