Visita conselleira de Infraestructuras, Ethel Vázquez

A candidata do PP á alcaldía de Monforte estudou coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade posibles solucións para crear itinerarios peonís e renovar o abastecemento de auga

Monforte, 23 de maio de 2023

A candidata popular á alcaldía de Monforte, Katy Varela, estudou hoxe coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, algúns dos problemas que padece o municipio, e, en concreto, a cidade, para sopesar posibles solucións. A alcaldable popular inclúe no seu programa iniciativas para afrontar problemas relacionados coa mobilidade e coas infraestruturas hidráulicas.

Coa candidata do Partido Popular en Monforte de Lemos, Katy Varela, Ethel Vázquez supervisou a sinalización ornamental colocada na rotonda de entrada á vila, así como os traballos de mellora da seguridade peonil que se están a executar na estrada autonómica LU-617 na contorna do cemiterio.

Katy Varela e a conselleira abordaron a solicitude de executar unha senda completa nesta vía ao seu paso polo municipio, dotando beirarrúas para garantir que os veciños poidan realizar os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro.

Por outra parte, segundo Varela, abordaron cuestións como a necesidade de conseguir que o Goberno central remate os accesos ao Porto Seco, obras que están paradas.

Unha cuestión relevante que se tratou nas conversas foi como afrontar os problemas que sofre o abastecemento de auga. Varela lembrou que hai catro anos a consellería presentou ao Goberno central e ao Concello unha proposta de convenio, por importe de 10 millóns de euros, ao que non houbo resposta por parte do Goberno.