Espuma en el río Cabe, zona de Vilanova agosto 2023

O PP de Monforte alerta da aparición de novas manchas no río Cabe, posiblemente derivadas de novas verteduras

A voceira popular Katy Varela denuncia que “chegamos a esta situación unicamente pola desidia do alcalde Tomé que non considera prioritario dotar de saneamento a todo o municipio”

O PP de Monforte alerta da aparición de novas manchas no río Cabe, posiblemente derivadas de novas verteduras

  • Dende o PP recordan que hai 15 días que no casco urbano de Monforte apareceron manchas moi semellantes o que pon en evidencia que é preciso traballar nun plan decidido e con compromisos reais para rematar a rede de saneamento de Monforte
  • Katy Varela exemplifica o desinterese de Tomé na prórroga do convenio asinado entre o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil que atrasa a 2026 a renovación da potabilizadora do polígono industrial do Reboredo ao non haber consignados fondos en 2023 para estes traballos

Monforte 2 de agosto de 2023. A veciñanza de Monforte alertou aos concelleiros do PP da aparición de novas manchas no río Cabe, nesta ocasión na parroquia de Ribas Altas, e posiblemente sexan derivadas de novas verteduras ao río.

Katy Varela lamenta esta situación, que pode danar seriamente ao medio ambiente e á seguridade dos monfortinos, sobre todo tras comprobar como hai menos de 15 días que apareceran outras manchas de características semellantes no mesmo río ao seu paso polo casco urbano de Monforte.

A voceira popular amosouse “moi preocupada” polo estado do río Cabe e pregunta ao alcalde Tomé “en que situación se atopa a dotación de saneamento a todo o municipio” xa que a realidade é que Monforte segue sen contar cunha rede completa de saneamento. “O que non se pode entender é como o alcalde mira cara outro lado no referente ás verteduras ao río mentres pretende facer unha praia fluvial nel”, lamenta.

Katy Varela é contundente neste eido e afirma que “pola seguridade dos veciños de Monforte, pola seguridade do medio ambiente e pola imaxe do municipio debería ser prioritario para Tomé poñer unha solución ao problema do saneamento para rematar coas verteduras ao Cabe”

Dende o PP recordan que a competencia en materia de saneamento é municipal e o alcalde Tomé leva demasiados anos sen facer nada neste eido “ao que debería ser prioritario dar unha solución”.

POTABILIZADORA POLÍGONO INDUSTRIAL REBOREDO

Katy Varela recorda que no pleno do luns aprobouse a prórroga do convenio asinado entre o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil polo que se atrasa a renovación da potabilizadora do polígono industrial do Reboredo. “As obras deberían de finalizar en 2025, pero con esta prórroga demórase a renovación un ano máis debido a que este ano non hai ningún tipo de investimento”, denunciou.

“A realidade é que José Tomé está a utilizar a sinatura de convenios para facer anuncios e propaganda e así gañar unha foto, pero á hora da verdade non soluciona os problemas. Monforte non pode seguir nesta situación”, sentenciou.