Foto dos catro concelleiros do PP

Katy Varela pide por carta a Tomé que solicite as axudas da Xunta para ampliar a gardería municipal

  • O PP monfortino xa instou fai semanas ao alcalde a solicitar estas axudas para ampliar a gardería municipal; xa que “as prazas existentes son insuficientes e hai nenos que acoden a centros de concellos limítrofes”
  • Varela condena que “o alcalde se preocupa moito de investimentos millonarios en parques e novas rúas, pero esquécese dos problemas da xente do día o día, os servizos sociais, etc.”

Monforte, 3 de outubro de 2023. A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, vén de remitir unha carta a José Tomé pedíndolle que solicite as axudas da Xunta para a ampliación da gardería municipal ou a creación dun punto de atención á infancia (PAI), como “medida para evitar que queden familias sen este tipo de servizo no noso concello”.

Coñecedora de que a convocatoria destas axudas está aberta e cunha dotación importante que suporía a achega de ata 120.000 euros, urxe ao alcalde a formalizar a solicitude tendo en conta que o prazo remata o día 13 de outubro.

De feito, xa fai varias semanas que dende a agrupación municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos se instou a José Tomé a solicitar as axudas autonómicas para ampliar a gardería municipal; xa que “as prazas existentes son insuficientes. Non é este o primeiro curso no que hai nenos que quedan sen praza, tendo que acudir a centros de concellos limítrofes”. Algún deles, “coma o de Sober, solicitaron as axudas que a Consellería de Política Social saca cada ano para poder ampliar as prazas da súa escola infantil pasando de 20 a 40”. Pola súa parte, “o Concello de Monforte nada fixo”.

Varela condena que “o alcalde se preocupa moito de investimentos millonarios en parques e novas rúas, pero esquécese dos problemas da xente do día o día, os servizos sociais, etc.”.

A popular explica que “para a reforma do pavillón, o Concello conseguiu unha subvención da Secretaría Xeral para o Deporte que permitiu financiar a metade da obra”. É dicir, “se o alcalde solicita a axuda polo procedemento adecuado, é posible. Pero cando se trata de que a Xunta invista en Monforte, Tomé prefire non facer nada, como fai con problemas tan preocupantes como o das prazas da gardería”.

CARTA ENVIADA AO ALCALDE

Existe unha preocupación dos cidadáns monfortinos motivada por a insuficiencia das prazas existentes da Gardería Municipal.

No pleno do mes de Xullo presentou vostede unha iniciativa impulsada por un escrito de pais onde lamentaban esta situación e buscaban solucións, instando a Xunta de Galicia á apertura dunha nova Gardería.

Na actualidade, atópase aberta unha convocatoria de axudas económicas da Xunta de Galicia correspondentes o programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, no Marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea – Next Generation. O código do procedemento de estas axudas é BS420E.

Esta orde de axudas non só permite aumentar o número de prazas da gardería existente, senón a creación dun Punto de Atención a Infancia, que sen esixir os requisitos dunha escola de educación infantil, paliaría o problema de conciliación existente na cidade.

Por ese motivo, aproveitando que esta convocatoria de axudas dotada de trinta e catro millóns oitocentos corenta e cinco mil euros está aberta ata o vindeiro 13 de outubro, en caso de que aínda non o fixera, anímolle con este escrito a que presente a solicitude correspondente e poidamos rematar co problema existente.