Katy ao carón dunha mascota

Comunicacion_Provincial

Monforte, 22 de novembro de 2023. Os concelleiros da Agrupación Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos defenderán no pleno deste mes unha iniciativa para que o Concello monfortino comece a dar cumprimento ás obrigas recollidas na lei de 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais — coñecida como Lei de benestar animal — ademais de consignar a financiación necesaria nos orzamentos do ano vindeiro ano.

Recordar a voceira popular, Katy Varela, que recentemente, o 29 de setembro de 2023, entrou en vigor esta lexislación, 6 meses despois da súa publicación. Esta Lei estatal ten carácter básico na maior parte do seu articulado, pese a que algúns artigos son ditados con fundamento en competencias exclusivas do Estado (DF 6ª.2), e, en tanto, vén precisar ou redefinir as competencias locais en materia de dereitos e benestar dos animais de compañía e silvestres en cautividade.

Unha parte importante desta Lei resulta de aplicación ás entidades locais, incidindo de maneira notable nas competencias dos municipios, atribuíndo a norma directamente aos Concellos algunha das competencias e obrigas relativas á protección e benestar destes animais, como:

  • A dotación dunha instalación temporal municipal para albergar aos animais extraviados e abandonados ata a súa recollida polo servizo correspondente, con independencia de que existan concertos, convenios ou contratos para a prestación do servizo de recollida de animais e o seu aloxamento nun centro de protección animal
  • Un servizo de urxencia para a recollida e atención veterinaria destes animais as vinte e catro horas do día
  • O coidado dos animais desamparados ou cuxos titulares non poidan atendelos
  • Identificación dos animais abandonados ou extraviados no momento da entrada no centro de acollida a nome do Concello cando se descoñeza o seu propietario
  • O control de colonias felinas coa identificación mediante microchip, rexistrada baixo a titularidade da Administración local competente, e a esterilización cirúrxica de todos os gatos comunitarios; así como a xestión das devanditas colonias

Numerosas obrigas ás que moitos municipios non poden facer fronte, polo que “para garantir que o Concello de Monforte si que pode asumir estas novas competencias debe instar ao Goberno central a que anualmente consigne nos Orzamentos Xerais do Estado as cantidades necesarias e suficientes que permitan garantir a prestación dos devanditos servizos por parte das entidades locais”.

Katy Varela tamén ve necesaria a colaboración da Deputación Provincial, polo que tamén defenderá que o concello monfortino inste ao equipo de goberno provincial para que a Deputación de Lugo realice todas aquelas actuacións que sexan precisas para colaborar co Concello de Monforte de Lemos, ben sexa a través da sinatura de convenios, a construción das instalacións adecuadas ou calquera outro mecanismo que se considere oportuno para garantir a prestación dos servizos de competencia municipal aos que fai referencia a Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais.