O PP de Monforte pedirá no pleno a posta en marcha dun plan de revisión e mantemento do mobiliario urbano
Os concelleiros da Agrupación Municipal do PP de Monforte defenderán no pleno deste mes unha iniciativa para que o goberno local se preocupe de poñer freo ao grave deterioro que sofre o mobiliario urbano e a falta de mantemento das zonas verdes e de xogo infantís.
A voceira popular, Katy Varela, explica que “recibimos constantemente queixas de veciños que nos fan chegar imaxes de zonas de lecer que están desatendidas” o que provoca malestar entre os monfortinos que ven como “a imaxe da vila cada vez vai a peor”.
Katy Varela sinala que hai numerosos exemplos deste abandono, entre os que se poderían destacar:
- Os bancos de madeira na zona de Carude e da Pinguela que se encontran debaixo das árbores e que durante moitas semanas do ano están cheos de excrementos de paxaros polo que a veciñanza non os pode utilizar
- No paseo ata Piñeira, dende o parque dos Condes, e na zona do parque de Covas hai varias varandas rotas
- A pérgola que está na rúa do Conde, onde está a estatua de Manuel María, ten danos evidentes
- No parque Doctor López Suárez, os elementos do parque biosaudable foron pintados por riba do óxido e sen repoñer as pezas estragadas, faltan asentos e tamén os aparellos con pedais que antes estaban instalados. Os bambáns infantís precisan arranxos e a pista de deporte cuberta ten moitas goteiras
- O parque novo do Hospital xa presenta estragos
“A realidade é que urxe un plan de renovación do mobiliario urbano de Monforte, polo que agardamos que se preste atención a esta iniciativa que unicamente busca mellorar a imaxe da nosa cidade e os servizos dos que poden facer uso os monfortinos”, explicou.