Reunión de traballo outubro 23

O PP esixe a Tomé “total transparencia” con todas as sentenzas xudiciais que afecten ao Concello de Monforte

Monforte, 24 de maio de 2024.

“Total transparencia”. Esta é a esixencia que realizan, unha vez máis, dende o Grupo Municipal Popular ao alcalde José Tomé despois de ver como hoxe informou publicamente dunha sentenza favorable ao Concello de Monforte. “A realidade é que non fai o mesmo cando son en contra dos seus intereses, nese caso sempre garda silencia”, afirmou Katy Varela.

A voceira popular en Monforte  afea a actitude do rexedor tras ver como fixo pública unha sentenza que gañou fronte a veciños do municipio “máxime cando os identifica publicamente con todo tipo de detalle”

Para os populares habería que manter sempre a mesma liña de actuación: “informar de todas aquelas resolucións xudiciais que afecten ao concello, xa sexan a favor ou en contra, xa que a realidade é que afectan a todos os monfortinos”.

Neste senso, Katy Varela recorda que “levamos quince días agardando pola información solicitada sobre as sentenzas e autos xudiciais dos que o Concello de Monforte sexa parte sen que, ata agora, se nos facilitase esa información”. “Vemos como a transparencia só aparece cando lle interesa ao alcalde”, denuncia.

EXEMPLO DE SENTENZAS EN CONTRA

Katy Varela explica que, pese á pouca transparencia de Tomé, puidemos coñecer que o 13 de maio ditouse unha resolución xudicial en contra do Concello de Monforte “e que o alcalde tentou ocultar”. Nesa resolución o xulgado de primeira instancia do contencioso-administrativo de Lugo fallou en contra do Concello anulando o decreto de alcaldía 2022/857, de 1 xuño de 2022 sobre a resolución do contrato de  adxudicación de parcelas de solo industrial no polígono do Reboredo.

Para os populares “Tomé debería deixar de gastar tanta enerxía en enfrontarse aos cidadáns que non están con el e dedicarse a xestionar as necesidades de todos”.