O PP solicita unha bonificación do 50% do IBI no rural para frear a perda de poboación nas parroquias

  • Emilio Vázquez insta ao goberno local a traballar para reverter esta constante perda de poboación xa que “consideramos que José Tomé non está a facer todo o que debería” para deter esta baixada constante
  • O popular insta ao goberno local a preocuparse porque os veciños das parroquias teñan os mesmos servizos que os da zona urbana, xa que no rural hai moitos núcleos que carecen de saneamento, recollida diaria do lixo ou acceso á telefonía e internet

Monforte, 5 de xuño de 2024.

“Entre todos temos que unir esforzos para reducir o despoboamento do rural”. Así o explican dende o Grupo Municipal do PP de Monforte xa que ven necesario articular os medios necesarios para poñer freo á perda de poboación nas parroquias do rural.

O concelleiro Emilio Vázquez defenderá no pleno deste mes unha modificación da ordenanza fiscal para establecer unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto de bens inmobles para aqueles inmobles de natureza urbana situados nas parroquias de Monforte “sempre que o inmoble constitúa a vivenda habitual”.

Emilio Vázquez explica que nos últimos 23 anos Monforte sufriu unha perda de poboación do 7,50%, moi superior ao 4,32% da media galega, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. Un perda de poboación que deixa “conclusións moi preocupante” como que este descenso “deuse principalmente no rural”.

Dos 3.753 veciños censados nas parroquias rurais no 2000 baixouse ata os 2.285 en 2023, é dicir 1.468 veciños menos. “O descenso de poboación foi no rural de case un 40% fronte ao casco urbano que mantivo a súa poboación, perdendo 10 veciños en 23 anos”, indicou.