O PP esixe a Tomé que deixe a un lado “as fotos e titulares dun día” e “traballe” para solucionar o problema da auga en Monforte
xuño 14, 2024por Comunicacion_Provincial
No Grupo Municipal do PP de Monforte seguen a denunciar os problemas de abastecemento e saneamento que teñen os veciños do municipio, tanto na zona urbana como nas parroquias, “algo que semella non lle preocupa ao alcalde, máis atento á maquillaxe que dá á cidade co asfalto que por solucionar estas deficiencias”.
O concelleiro popular José Luis Rodríguez insiste na necesidade de “dar unha solución” a estes problemas dende o Concello de Monforte xa que se trata “dun servizo básico para os cidadáns”.
José Luis Rodríguez denuncia que seguen a ser habituais problemas como cortes continuos de auga ou falta de presión de auga, “sen esquecer que moitas parroquias carecen destes servizos básicos”. “Varios días á semana erguémonos con titulares na prensa denunciando cortes de auga, falta de presión ou roturas nas tubaxes o que provoca constantes molestias aos monfortinos sen que o alcalde se preocupe por solucionar estas situacións”, denunciou.
José Luis Rodríguez critica a postura de José Tomé “que se escusa nos plenos alegando que os anteriores mandatarios non fixeron nada para solucionar este problema” pero a realidade é que “os anteriores mandatarios fixeron realidade unha rede de auga, iluminaron e dotaron de saneamento ás parroquias e melloraron os camiños”.
Pola súa banda, a voceira popular en Monforte, Katy Varela, recorda como José Tomé, por exemplo, anunciou as obras para solucionar o problema co saneamento na Compañía para logo anunciar que non se realizarían.
Neste senso, a voceira popular esixe ao alcalde que “deixe a un lado o seu afán por gañar titulares e fotos e traballe por dar un servizo básico de calidade aos monfortinos”. “Con todo o poder económico que presume ter é incapaz de solucionar o problema da auga en Monforte, pero non so iso, cada día demostra que é incapaz de manter as infraestruturas herdadas de anteriores gobernos dando aos veciños unha rede de auga en perfecto estado”, destacou.
Katy Varela pide a Tomé que “reflexione” porque “os monfortinos saben perfectamente que o problema que hai en Monforte coa auga depende do seu alcalde, unha persoa que non se preocupa por darlle unha solución”.