Katy ao carón dunha mascota

O PP insiste na necesidade de que o Concello de Monforte conte cun centro de atención a animais abandonados, en cumprimento da Lei de Benestar Animal

Febrero 21, 2025 por Comunicacion_Provincial

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte insistirán no pleno deste mes en que o Concello de Monforte debe de habilitar os fondos necesarios para crear un centro de recollida e atención a animais abandonados, así como para o mantemento destas instalacións.

A voceira popular, Katy Varela, recorda que “non é a primeira vez que realizamos esta petición”, pero si que cremos que “un municipio como Monforte debe contar cunha instalación así, polo que seguiremos traballando ata que a consigamos”. “Baixo o noso punto de vista unha instalación así debe de ser un centro público de atención animal, dispoñible durante 24 horas, e non un servizo contratado a unha empresa externa”, explicou.

Katy Varela recorda que segundo o artigo 22 da Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, corresponde aos concellos «a recollida de animais extraviados e abandonados e o seu aloxamento nun centro de protección animal», polo que “José Tomé que sempre presume de ser totalmente legalista e cumprir con todas as súas obrigas debe aceptar a nosa proposta e traballar para que Monforte teña unha instalacións deste tipo”, sinalou.

Ademais, os populares pedirán tamén que Monforte conte con zonas de esparcemento canino, “unha reclamación habitual entre os propietarios de mascotas” xa que consideran necesario que “se habiliten espazos específicos para que os cans poidan xogar, correr e socializar”.