Reunión de traballo outubro 23

O PP de Monforte insta a Tomé a recuperar a senda “da legalidade” e o convida a abandonar “o seu enfrontamento constante” coa Xunta

Tras coñecerse que a Xunta de Galicia sancionou ao Concello de Monforte por realizar obras nunha vía de titularidade autonómica sen os permisos preceptivos, os concelleiros do PP de Monforte instan a José Tomé “a regresar á senda da legalidade, fuxindo dos autoritarismos e dos enfrontamentos”.

A voceira popular, Katy Varela, explica que é coñecido que a Xunta iniciou un expediente sancionador contra o Concello de Monforte por realizar obras nunha rúa de titularidade autonómica. “José Tomé sempre presume de ser unha persoa institucionalista e, sobre todo, legalista, pero á hora da verdade vese que non respecta as demais administración e, cando se trata da Xunta de Galicia, o único que quere é enfrontamento”, sinalou.

O Concello de Monforte realizou traballos na estrada LU-546, unhas obras para as que tiña permiso para arranxar o firme en canto o Concello de Monforte rematase os traballos que estaba a realizar. Pese a este permiso, Tomé deu orde de realizar uns traballos moito máis amplos que os permitidos, asfaltar ata a intersección coa Rúa San Pedro sen pedir o permiso para eses traballos.

Katy Varela fai énfase na frase que dixo José Tomé no último pleno: “aínda encima que llo facemos, múltannos”, dixo o alcalde de Monforte.

Ante esta situación, Katy Varela pregunta a Tomé “por que non aplicou a mesma reflexión cando, exercendo como presidente da Deputación, sancionou ao alcalde de Ribadeo por desbrozar a maleza dunha estrada provincial”. “Aínda por encima que limpou a maleza sen que a Deputación tivese que facelo, Tomé multou ao alcalde de Ribadeo”, recordou a popular.