mayo 14, 2025 por Comunicacion_Provincial
Monforte, 14 de maio de 2025. O PP de Monforte denuncia a lamentable situación das infraestruturas de abastecemento da cidade do Cabe e a falta de resposta de Tomé que “só se dedica a vender titulares para ir capeando o temporal e facer que fai”.
Despois das tres roturas importantes en menos dunha semana, a portavoz popular, Katy Varela, asegura que “estamos cansos de anuncios e da falta de actuacións” ante a situación que considera “intolerable” e que provoca “un malestar importante aos veciños e veciñas”.
Concretamente, explica que “hoxe mesmo recibimos queixas dos veciños da Compañía e do Reboredo por unha nova rotura á altura do inicio da rúa Escultor Francisco Moure na Compañía”.
Varela lembra que “Tomé leva 10 anos no goberno e non hai grandes avances sobre a mellora do abastecemento máis que unha tubaxe grande pactada con Aqualia. O alcalde anuncia que se vai arranxar e que ten convenios millonarios firmados, pero logo non hai actuacións”, engaden.
Os populares aseguran que “seguiremos insistindo na necesidade de arranxar este problema” e piden “maior acción e menos propaganda ao goberno de Tomé”.