24-05-23 Rotura na rúa Sarria

Monforte, 21 de maio de 2025. Dende a Agrupación Municipal do PP de Monforte esixen “unha solución definitiva e non máis parches” ás constantes avarías e roturas nas tubaxes da auga que non paran de sucederse no municipio dende hai varios anos.

A voceira popular, Katy Varela, amosa contundencia neste eido: “Non valen escusas. Hai moitos meses que o concello sofre este problema e José Tomé sempre mirou cara outro lado. Nunca quixo renovar as tubaxes a súa única obsesión é botar asfalto por enriba do asfalto”.

Neste senso, dende a Agrupación Municipal do PP de Monforte afirman que “a xuntanza que o alcalde manterá esta tarde chega moi tarde” xa que este problema “non é novo, senón que vén de moitos meses atrás e nunca quixo poñerlle solución, a pesar de que dende o PP lle reclamamos a elaboración de plans de renovación das tubaxes para evitar as constantes roturas”.

Katy Varela esixe “seriedade” a Tomé xa que “o abastecemento de auga potable e o saneamento son servizos básicos e fundamentais” que “o Concello de Monforte non está a garantir”.

A realidade é que as constantes roturas das tubaxes “xeran caos e inseguridade” entre os veciños, sen esquecer que “tamén levamos anos reclamando que, ademais de renovar a rede, é urxente levar estes servizos a todos os puntos do municipio que carecen deles, principalmente ás parroquias do rural”.

FEITOS E REALIADES EN LUGAR DE PROMESAS

Katy Varela denuncia que “a pesar dos numerosos anuncios de Tomé cos que aseguraba se solucionarían os problemas a realidade é a que coñecemos todos os veciños, seguen os cortes”.

Por este motivo, a voceira popular esixe a Tomé “que recupere todas as promesas que fixo nos medios de comunicación” e as “faga realidade, como todos os compromisos dos que presumiu coa Confederación Hidrográfica para renovar as tubaxes e garantir o subministro”.

“Ata o de agora, a única realidade que podemos constatar todos os monfortinos é que José Tomé sé empregou maquillaxe para solucionar este problema ante a opinión pública, que foi poñer asfalto sobre asfalto, en lugar de renovar a rede de cada rúa na que decidiu botar aglomerado en quente sobre o asfalto xa existente”, denunciou.

Ante esta situación, Katy Varela teme que “a xuntanza desta tarde sexa outro ‘facer que fago algo’ de Tomé ante a súa evidente incapacidade para solucionar as constantes roturas, algo ao que xa nos ten afeitos”.

“O que precisamos todos os monfortinos é o que levamos anos reclamando a Tomé, un plan de renovación das tubaxes. Que cando se actúa nunha rúa, non se trata só de asfaltar, senón de renovar todos os servizos existentes para garantir o seu bo funcionamento durante anos, en lugar de maquillar o que se ve e manter en pésimas condicións o que non vemos”, sentenciou.