Portavoz del PP de Monforte, Katy Varela

O PP denuncia que José Tomé “amosou nulo interese” por manter viva unha tradición de Monforte como o San Xoán no barrio dos Chaos

junio 25, 2025por Comunicacion_Provincial

Monforte, 23 de xuño de 2025. Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte denuncian o “nulo interese” do goberno de José Tomé por manter as celebracións de San Xoán no barrios dos Chaos, xa que “optou por apoiar outro tipo de iniciativas, seguramente por motivos ideolóxicos”.

A voceira popular, Katy Varela, quere, en primeiro lugar, “agradecer e recoñecer” o traballo que durante moitos anos realizaron os veciños deste barrio para poder celebrar a noite de San Xoán nesta emblemática zona da cidade. “Fixeron un traballo encomiable, pero nos últimos anos, ante o despoboamento e o avellentamento da poboación, foi un colectivo xuvenil o que colleu o testemuño, pero este ano non puideron seguir adiante, pero, queremos agradecer este enorme traballo que realizaron”, afirmou.

Estas celebracións contaban con cacharela, sardiñada e actuacións musicais pero “hoxe coñecemos que esta tradición de Monforte esta noite non terá lugar”.

Dende o PP aseguran que “a responsabilidade de recoller o testemuño neste momento é do Concello de Monforte, que debería de preocuparse por seguir fomentando esta celebración tradicional da nosa cidade”.

“É máis que cuestionable ver como miran cara outro lado con esta tradición de Monforte mentres apoian outro tipo de iniciativas unicamente por razóns ideolóxicas, unha postura totalmente sectaria, en lugar de apoiar as tradicións do noso municipio”, sentenciou.