No 2021 superaron os tres millóns de euros, que representan una cuarta parte do orzamento de ingresos do Concello.

O PP avisa do imparable incremento das cantidades de cobro dubidoso polo Concello e insta a Tomé a executar as recomendacións da intervención municipal.

  • A portavoz popular e candidata á alcaldía, Katy Varela, anuncia a presentación de preguntas no próximo pleno para saber se foron executadas as tres auditorías que indicou a intervención municipal.
  • Os populares non entenden “como producíndose unha minoración do remanente, se aposta por un préstamo millonario para rehabilitar o pavillón que xa existe, en vez de facer un novo, que é o que realmente fai falta”.
  • Varela di que “catro anos máis de goberno de Tomé serían unha ruína para o concello en todos os sentidos”.

Monforte, 22 de abril de 2023.

O grupo municipal do PP quere que o goberno local aclare debidamente se o Concello cumpriu as indicacións recollidas no informe de Intervención para minorar os riscos fronte ao constante incremento das cantidades que se consideran de cobro dubidoso, nas que se inclúe a recomendación de levar a cabo tres auditorías. Así o sinala a portavoz e candidata popular á alcaldía, Katy Varela, que lembra que “no mes de xaneiro presentouse ao pleno da corporación o plan de control financeiro das actuacións do 2022 e nel destaca a indicación que fai a intervención fronte á elevada cantidade de ingresos de dubidoso cobro, que non deixa de aumentar: 2019: 2.592.582,25; 2020: 2.845.316,43; 2021: 3.141.110,47”. Os populares presentarán formalmente preguntas no próximo pleno sobre esta cuestión.

Varela considera moi preocupante que no 2021 subise de tres millóns de euros a cantidade de ingresos pendentes considerados de dubidoso cobro. Cre que demostra o que xa vén denunciando o grupo do PP sobre a mala xestión do equipo de goberno liderado por José Tomé, que non só non atalla o problema senón que deixa que se agrave. É grave porque, segundo os populares, “estamos a falar dunha cuarta parte do orzamento de ingresos que realmente non se ingresa”.

Por outro lado, os populares preguntarán tamén polo remanente de tesourería, pois neste mes presentouse a execución do orzamento de 2022 e, segundo parece, eses máis de tres millóns de euros imputáronse ao remanente de tesourería, minorando polo tanto o dispoñible. Tendo en conta que neste mes aprobarase unha modificación do orzamento que afecta ao remanente, o PP preguntará polo dispoñible do remanente despois desta operación.

Para a voceira do grupo popular a situación financeira do Concello “é preocupante, con máis de tres millóns de euros que seguramente non se cobrarán, o que minorará o dispoñible de tesourería”. Indica que “a un mes dunhas eleccións locais non é adecuado aprobar unha modificación do orzamento que afecta  a dous millóns de euros e menos tendo en conta o destino deses cartos”. Destaca que se destinan case 400.000 € á urbanización da Zona D e considera que, tendo en conta a situación doutros barrios e o problema da auga, “non é axeitado asignar estes fondos a unha zona do centro destinada a parque”. Considera inadecuado seguir apostanto pola nova Ponte do Malecón cando hai no concello outras necesidades máis acuciantes.

Katy Varela sinala: “Chama a atención que se aporten máis cartos dos que están orzamentados á feira do viño, ás festas e á feira medieval: só entre os tres suman 300.000 euros máis dos que xa tiñan consignados, e seguimos aportando unicamente 900 € a festas tan importantes como ao San Antonio; Monforte non pode vivir de só tres eventos ao ano”.

Os populares non entenden “como producíndose unha minoración do remanente, se aposta por un préstamo millonario para rehabilitar o pavillón que xa existe, en vez de facer un novo, que é o que realmente fai falta”. Teñen claro que “catro anos máis de goberno de Tomé serían unha ruína para o concello en todos os sentidos”.